Antes da súa presentación en Londres, que tivo lugar onte na librería Foyles, dentro do Harvill Secker International Writer’s Day, unha conferencia onde se recoñece a presenza da literatura contemporánea internacional en inglés, Manuel Rivas e o seu tradutor, Jonathan Dunne, pararon en Oxford o pasado venres para presentar ás cinco da tarde no Ashmolean Museum a versión en inglés da novela do escritor coruñés Os libros arden mal.
Está publicada por Harvill Secker e Random House, e foi realizada por Jonathan Dunne, un tradutor e editor inglés, aínda que residente en Bulgaria, que xa traducira outras obras de Rivas ao inglés como O lapis do carpinteiro ou Do descoñecido ao descoñecido.
A presenza de Rivas e Dunne en Oxford debeuse á colaboración da editora Random House co Centro de Estudos Galegos de Oxford, dirixido polo doutor e académico honorario da RAG John Rutherford. O centro, que funciona desde o ano 1991, tamén volcou ao inglés unha escolma de relatos de Rivas dentro do seu obradoiro de tradución, formado por profesionais galegos e ingleses e coordinado por Rutherford. Esta selección de literatura galega traducida ao inglés titulada From the Beginning of the Sea (Desde o comezo do mar) está publicada pola editora Foreign Demand, dirixida polo galego Xelís de Toro.
BAIXO A BANDEIRA DO TOXO
A presentación do venres tivo lugar nunha sala do museo, decorada con ramas de toxo, a planta fetiche de Rivas, onde se xuntaron setenta persoas para escoitar o relato do autor sobre as orixes da súa literatura.
O acto comezou coa lectura dun extracto do libro en galego, e despois outra lectura diferente en inglés, logo seguiu o que en principio pretendía ser unha entrevista, pero que polas vizosas respostas do autor, resultou nunha marea de relatos e narracións do autor, guiados polo doutor John Rutherford, facendo o traballo de capitán.
En primeiro lugar, Rutherford preguntoulle sobre as orixes do libro. Manuel Rivas, coa axuda de Jonathan Dunne, improvisando unha interpretación consecutiva, explicou que o libro naceu como necesidade de darlle voz a unha memoria silenciada. Guiado polos fíos do pensamento, Rivas explicou que o libro, sendo unha historia humana, naceu como unha forma de contar, a través dos personaxes un momento na historia de España pouco estudado.
A queima de libros é unha memoria da que se escapa, da que non se fala, e Rivas considera que é preciso recuperar e darlle voz a esas memorias. A memoria foi a parte fundamental do discurso de Rivas, xa que para el está na propia orixe da literatura, na Odisea, no reencontro entre Ulises e o seu pai, onde só grazas á memoria houbo recoñecemento. A Coruña tamén foi protagonista, como centro desa mestura local-universal que é a novela. Manuel Rivas falou da cidade-libro que era A Coruña antes da guerra, e da Coruña que coñeceu cando neno. Falou do faro como horizonte, posto que ao ter o cemiterio a un lado e o cárcere ao outro do seu terreo de xogo, o faro, a proa dese gran barco de pedra que e A Coruña, conformou a súa alternativa, a dirección, a orixe e horizonte do seu pensamento desde pequeno.
A familia foi outro tema importante do seu discurso, Manuel Rivas falou dos seus avós. O seu avó cazador de xornais, que lía e falaba sen parar, e o seu outro avó, mudo e calado, que só dicía: “Boh”. Pero se entendían, porque no fondo, sabían que un falaba tanto e o outro tan pouco porque aos dous lles roubaran as palabras. Rivas quixo afondar tamén na necesidade de poñer a memoria silenciada na boca da literatura, de darlle forma de libro. E falou de cando el sentiu por vez primeira a voz da boca da literatura, cando o Roxo, un compañeiro de clase, respondeulle a mestra que lle preguntara que quería ser de maior dicindo: “Emigrantes”.
A boca da literatura na voz da nai, que falaba con distintas voces a soas, ante a fascinacion dos seus fillos e unha certa anguria de que a súa nai saíse voando en calquera momento. John Rutherford, capitán da marea de historias que Manuel Rivas lle regalou á audiencia de Oxford, preguntoulle, por que, aínda que a novela fala da queima, e fala desa memoria amarga de cinza, no libro hai tantos sorrisos. Non risos, pero abondosos sorrisos. “No teu libro, todo o mundo sorrí”, dixo.
“A ironía –contestou Rivas– é a gran arma do mundo moderno, unha mestura entre morriña e humanidade, por iso, o sorriso como estratexia”. En Oxford queda a memoria da vista de Manuel Rivas e Jonathan Dunne á cidade dos colexios e os libros.