O soño americano de Noelia Cacheiro

Con 22 anos, a súa carreira xa deu varias voltas. Deixou Ourense polo Celta e acabou en Inglaterra. Nada máis poñer un pé alí, fichárona para cruzar o Atlántico
OMAR BELLO 28/02/2010 - 17:00 h.
Non entendes unha palabra? Faille dobre clic
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 1 voto/s

Todo o que me pasou nos últimos tres anos é un soño feito realidade”. Son palabras de Noelia Cacheiro, unha rapaza ourensá de 22 anos cuxa vida cambiou grazas ao baloncesto. Tras xogar no Carmelitas, na súa cidade natal, e no Celta de Vigo, decidiu probar sorte en Inglaterra, no Northumbria University e no Durham University. E dende as illas británicas deu o salto ao Golden Eagles da Oral Roberts University, o seu actual equipo, que lle permite gozar dunha experiencia case única: xogar a Liga Universitaria dos Estados Unidos, actividade que compaxina cos seus estudos de Filosofía e Letras. “Cheguei aquí porque un scout me viu xogar o meu primeiro partido co Northumbria cando el estaba recrutando unha das miñas compañeiras”, explica.

“O xeito en que viven aquí os deportes, e sobre todo o baloncesto, o fútbol americano e o béisbol é alucinante. Xogar nun pavillón de ensoño con 15.000 persoas na túa contra é unha sensación que non todo o mundo pode vivir. E iso en Europa non pasa no baloncesto masculino, canto menos no feminino”, relata Noelia, que de todos os xeitos, na súa vida cotiá non atopa tantas diferenzas entre a súa vida en Galicia e a actual. “A verdade é que a vida dos adolescentes aquí e alí non é tan diferente. Simplemente a forma de facer as cousas é diferente. O que si, é que toman todo moi en serio, sobre todo os deportes. Aos americanos gústalles facer as cousas ao grande, e eso implica de todo. As comidas son enormes, os coches, os eventos, os banquetes, os edificios, as estradas, os teléfonos móbiles, todo!”, di abraiada.

Unha das cousas que máis lle chamaron a atención a Noelia á súa chegada aos Estados Unidos foi o estrito que é o réxime de comportamento na súa universidade. “Esta é unha universidade cristiá e moi conservadora. Temos toda unha serie de regras e eu nunca pensei que no século XXI existise un lugar así. Todo o mundo ten que asinar un codigo de honra, polo que te comprometes a non facer nada en contra da Biblia, e neste caso ir de festa claramente está en contra deses principios. Durante a temporada non temos tempo, de todos os xeitos, e durante a pre e post temporada sempre arman algo para adestrar sábado e domingo a primeira hora da mañá”, explica.

Por todo iso, a vida cotiá de Noelia Cacheiro pouco ou nada ten que ver cos tópicos universitarios americanos, onde a troula é a nota predominante. Aínda así, Noelia recoñece que, salvo excepcións como a súa, todo o que se ve nas películas é certo: “Nunha escola pública é o pan de cada día. E é por iso que todo o mundo quere ir á universidade”.

Nun día normal, Noelia non para. Adestramento e estudo son as súas dedicacións. “A verdade é que a vida do estudante a este nivel deportivo non dá para moito. En ocasións veste ben contra as cordas cando non tes tempo para estudar ou rematar os deberes. Imos en viaxes de cinco días, polo que faltamos á clase durante tres. Cando estamos aquí, pola mañá clase, xantar, e a adestrar ás 3.30, polo que ás 2.30 temos vídeo e ás 3.00 temos que estar na pista para estar a punto á hora de comezar cos técnicos. Ao rematar, un de cada dous días temos pesas, e despois simplemente volver a cear, e o día rematou. A facer deberes e estudar. Os días de partido son diferentes, e os días de pre e post temporada son diferentes tamén. Os adestramentos van desde cinco horas a comezos de temporada, ata hora e media agora que estamos na recta final. Dependendo de se gañas ou perdes os partidos da semana, a cousa pódese prolongar ou acurtar”, indica a ourensá. “A maioría dos meus amigos están no equipo de baloncesto, aínda que trato de pasar o maior tempo posible con xente que non teña que ver co basket, cando podo, para desconectar nas comidas, nas horas de estudo e cousas asi...”, engade.

“O que máis me gusta da miña vida actual é que cada día aprendo algo novo, xa sexa unha nova palabra en inglés, un lugar novo, ou algunha peculiaridade da vida americana ou inglesa, xa que no meu equipo temos tres inglesas. Aquí cada día é unha sorpresa, nunca sabes o q pode pasar! O que menos me gusta de aquí quizais sexa que me sinto algo atrapada, xa que non se pode camiñar a ningures. Sempre dependo de alguén para saír do campus e para volver. Tampouco é que teña moito tempo, pero o pouco que teño gustaríame poder aproveitalo mellor”, láiase.

A Noelia non lle faltan oportunidades para dedicarse de xeito exclusivo ao baloncesto e poder vivir do deporte, pero ela non o ten tan claro. “Despois de xogar Division 1 aquí e estar nun equipo que vai primeiro, a verdade é que son moitas. O ano pasado convidáronme a un campus no que selecionan as rapazas para a WNBA, pero nunca asistín. Teño algunha oferta para volver a Inglaterra, ir a Italia, pero de momento non teño idea do que farei. Non sei se poderei vivir do baloncesto feminino, pero iso non está dentro dos meus plans. Si que me gustaría por uns anos xogar de xeito profesional e gozalo, pero ao mesmo tempo a miña meta é atopar un bo traballo”, sinala.

En terras americanas, Noelia presume de galega, aínda que a terra de Rosalía e Castelao sexa un lugar descoñecido para todos os seus amigos. “Este ano veu un rapaz español, e el evidentemente si que coñecía, pero o ano pasado ninguén xamais escoitara falar de Galicia. De feito, moita xente nin sequera podía situar España nun mapa! Aínda así, son moi curiosos por como son as cousas en Europa. É xente que está disposta a aprender e que ten ganas de coñecer máis. O que máis lle chama a atención posiblemente sexa a forma na que cociñamos, pero sobre todo, a sesta. Están maravillados coa sesta!”, asegura.

Dende que está en terras americanas, Noelia case non tivo tempo de volver á casa, aínda que ese é un plan que sempre ten en mente. “Á casa só podía ir no verán, pero remato este ano, así que xa non voltarei para aquí despois deste ano. No Nadal tivemos soamente dous días libres, polo que non tiven tempo para ir a ningures. Morriña teño sempre... Galicia é un lugar especial. Cada vez que penso nela pónseme un sorriso na cara. Aquí non hai nada verde”, di meláncolica.

Os vindeiros meses serán os últimos da vida universitaria de Noelia, pero aínda ten moitos plans que cumplir. “Os próximos meses son clave na miña vida. Imos primeiras na conferencia, polo que a nivel deportivo esperamos gañar o Conference Tournament, e chegar ao NCAA Tournament. Confórmome coa primeira ronda. A nivel académico vaime bastante ben, e espero graduarme con honores. A nivel persoal gustaríame facer unha viaxe á costa oeste e poder gozar do que o país ten para ofrecer. Os Estados Unidos son como toda Europa xunta, e eu considero cada estado un país, porque cada un deles ofrece algo diferente e teñen unha diferente mentalidade. Cando acabe en maio e me gradúe, temos un torneo na República Dominicana e despois diso voltarei para a casa a decidir que facer o ano seguinte”, afirma.

Con 22 anos, Noelia acumula xa moitas experiencias en paises diferentes. E aínda que deixa ben clara en cada unha das súas frases a súa predilección por Galicia, o certo é que non descarta ningunha cultura. “Non sei que país elixiría ao final do día. Tanto Inglaterra como América como Galicia ofrecéronme cousas diferentes na miña vida, e experiencias irrepetibles. O que si teño que admitir é que me gustaría retirarme e vivir cando sexa maior en Ourense. Gustaríame pasar máis tempo nos Estados Unidos e poder coñecer máis cidades e algo máis do que coñecín aquí en Tulsa”, confesa. Seguro que oportunidades para cumprir os seus desexos non lle van a faltar.

Suscripción a papel
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.