"O drama do paro é cousa súa” ou “non busquen culpables e gobernen”. Estas dúas afirmacións, pronunciadas polo secretario xeral do PSdeG, Manuel Pachi Vázquez, e polo voceiro económico do BNG, Fernando Blanco, no Parlamento, poden ser unha boa síntese da batería de iniciativas que socialistas e nacionalistas despregarán nos próximos meses na Cámara, comezando polo pleno da vindeira semana.
As reclamacións de PSdeG e BNG chegarán despois dunhas semanas nas que autonomías coma Cataluña ou Andalucía veñen de acadar os seus respectivos pactos anticrise entre Goberno e, cando menos, o principal grupo da oposición.
Do mesmo xeito, o debate no Parlamento de Galicia mira de esguello ás conversas entre o Goberno central e todo o arco político do Congreso dos Deputados, co que o Executivo de Zapatero busca un acordo para facer fronte á recesión e, sobre todo, ao desemprego. Este consenso, apuntou onte en Lugo o ministro de Fomento e vicesecretario xeral do PSOE, José Blanco, pode estar “ao alcance da man, a non ser que algúns –en referencia ao PP– crean que o desacordo é o que máis convén para deteriorar ao Goberno”.
Neste escenario, a primeira proposta dirixida ao Executivo galego chegará o vindeiro martes, da man do nacionalista Fernando Blanco, co foco situado “no incremento notable do paro” en Galicia –en febreiro aumentou en 2.543 persoas e o rexistro total supera os 234.000 desempregados–. Así as cousas, Blanco volverá insistir na necesidade de que a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, ofreza “respostas” baseadas nas “competencias exclusivas en políticas activas de emprego” coas que conta o Goberno galego.
Tamén o Grupo Parlamentario Socialista centrará a súa atención no desemprego, despois de constatar, en palabras do seu líder, Pachi Vázquez, que “as receitas” do PPdeG para cumprir a promesa de Feijóo segundo a cal, lembra, “ía rematar coa crise en 45 días”, polo momento “non están a funcionar”.
COMISIÓN DE SEGUIMENTO
Neste sentido, o PSdeG defenderá ante o pleno unha proposición non de lei co obxectivo esencial de “recuperar o diálogo social” entre Xunta, sindicatos e empresarios, xa que, segundo os cinco deputados asinantes da iniciativa, “o actual Goberno desprezou o camiño aberto” polo bipartito, coa “posta en marcha de políticas pactadas, que deron como resultado un forte ritmo de creación de emprego nos tres primeiros anos” da pasada lexislatura.
Así, e logo dos sucesivos “atrasos” das reunións de Traballo con sindicatos e patronal –sufriron, lembran, ata catro meses de adiamento–, o PSdeG aposta por trasladar ao Parlamento o seguimento deste diálogo, mediante a creación dunha comisión integrada por representantes dos tres grupos da Cámara.
Este novo órgano, apuntan, deberá recibir “cada tres meses un informe da situación e evaluación” das conversas, elaborado pola Consellería de Traballo e no que PP, PSOE e BNG poidan incluír “propostas para o debate que contribúan a acordos útiles para as empresas e para os traballadores”.
Outra iniciativa encetada na lexislatura pasada no ámbito do emprego –e asumida por Feijóo no seu discurso de investidura– como é o Acordo pola Competitividade, volverá ao Parlamento da man da voceira económica do PSdeG, María José Caride, que interpelará ao Goberno para esixir detalles sobre a súa “estratexia para respostar á crise” dende un acordo que, lembra, tiña como obxectivo “maximizar o potencial da autonomía” na loita contra a recesión económica.
Fronte a estas esixencias de “actuación” inmediata contra a crise, diante do que a oposición considera “parálise” da Xunta e “fracaso” de iniciativas coma o denominado Plan de Choque, dende o PP, o seu voceiro parlamentario, Manuel Ruiz Rivas, coida que o Executivo galego “xa está a incidir” na crise.
Así, en opinión do deputado conservador, Feijóo situou a Galicia “no camiño axeitado” para saír da recesión, se ben matiza, a renglón seguido, “que hai unha parte que escapa ás competencias da Xunta”.
Así, dende o seu punto de vista, boa parte da “responsabilidade” corresponde “a quen ten a planificación”, isto é, ao Goberno central, a quen culpa de situar a España coma “o país con máis paro da UE”.