O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, asegura que a nova Axencia Galega de Servizos Sociais, que substitúe o Consorcio Galego do Benestar creado polo bipartito, permitirá mellorar a eficiencia no gasto público, aproveitar sinerxias e aforrar en despachos e soldos de altos cargos; euros que pasarán as gastarse directamente na atención ás persoas e nos servizos sociais. "Gastarase menos no superfluo e máis no necesario", asegura.
O número dous dos populares galegos indicou que un dos temas tratados no comité de dirección foi a valoración da posta en marcha por parte da Xunta do novo organismo que xestionará os servizos sociais públicos. Segundo explicou, trátase dun ente cuxa creación regula unha lei do bipartito do ano 2008 pero que aínda estaba por desenvolver.
Rueda subliñou que a nova axencia permitirá "restar duplicidades e suprimir o soldo de dous ou máis altos cargos que tiñan funcións similares entre si, por exemplo, na área de Familia da Consellería de Traballo e no Consorcio Galego de Servizos Sociais".