Sábado, 20 de marzo de 2010 - 7:05 h
Conect@ con...



Suso de Toro
Escritor
Sábado 19/12/2009 a las 11:00
Un dos escritores galegos máis importantes do último cuarto de século. Pero ademais tamén está considerado un dos analistas de maior relevancia do país na actualidade, dende unha perspectiva crítica e galeguista. Ten participado nas manifestacións en defensa da lingua propia e tamén nos actos de Galego, Patrimonio da Humanidade. Algunhas das súas obras máis salientables son Polaroid, Trece Badaladas e a recentemente publicada Sete Palabras.
1.- terracha: Bos días! que valoración fai vostede da realidade política galega neste momento? donde se ubicaría? moitas grazas

S.D.T.: coido que debemos aprender a situarnos de modo persoal, individual, en relación coa política. Eu intento valorar cada feito ou cada medida da Xunta ou proposta dos partidos como algo en si, para min a medida do valor das cousas é o que considero o mellor para a Galiza. Por iso, por exemplo, apoiaría a creación dunha caixa galega, viábel, e a articulación dos aeroportos, aínda que sexa unha proposta de Núñez Feijóo. Con independencia de que non votaría PP probabelmente nunca na vida polo conxunto da súa visión da Galiza e dos nosos problemas e necesidades. Son galeguista desde rapaz, podo dicir que desde neno, e tamén de esquerdas. Defendo unha forza galega e galeguista desde a esquerda. Con independencia de que o que exista me guste máis ou menos. O BNG é un instrumento co que non me identifico persoalmente, mais é un instrumento que está aí. O PSdG non acaba de ser unha organización galega...Desgraciadamente non me acabo de identificar con ningún partido existente. Houbo un tempo no que formei parte, bastante a gusto, do PSG-EG. Antes de morrer franco estivera no MC.



2.- Tareixa: Considera que a lingua está politizada? Canto mal lle fai iso á nosa cultura?

S.D.T.: Estivo sempre politizada. A política do estado contra o galego históricamente foi unha política consciente, desde Isabel a Católica, a usurpadora do trono. E os galeguistas politizamos a lingua cando a defendemos. Todo asunto social, como a lingua, é político. Agora é a dereita nacioalista españolista a que lle da unha nova volta de porca a politización. Mezquiña, moi mezquiña.



3.- Nemigo: Na súa opinión cal debe ser o papel das institucións públicas na defensa do galego? RAG, GB e Mesa son interlocutores válidos?

S.D.T.: Cumprir coa súa obriga estatutaria. Iso é o que debera facer a Xunta, que para iso temos a autonomía. Simplesmente. A RAG o mesmo, ten que cumprir o que lle mandan os seus estatutos internos. Son socio da Mesa, agora ben recoñezamos que ten un perfil partidario moi marcado, iso vai en contra da súa capacidade de acción. GB non existe, é unha fantasma que usa a ala máis dereitista do PP.



4.- X: Hai unha incríbel xeración de escritores galegos que pula pola lingua. Noutros sectores sociais amosan a súa indiferenza no seu uso, por que?

S.D.T.: A vida social consideramos que é unha, mais iso é unha construcción mental. Na práctica, hai espazos autónomos. A literatura é un espazo autónomo, dentro da cultura e da sociedade. En todos os países, menos aquí, a literatura xoga un papel simbólico importantísimo, é o verdadeiro símbolo nacional. Lembro os billetes do Banco de España coas figuras de Cervantes, Bécquer, Pérez Galdós, mesmo Rosalía!... Só na Galiza os escritores estamos nunha burbulla separada da vida social, non somos símbolo nacional. Somos algo que está aí e non hai máis remedio que aturalo.



5.- Tania: Na súa opinión en que momento se atopa o galego e que pasos considera que deberan dar as elite e o pobo para valorizalo?

S.D.T.: Se ollamos o noso arredor temos un sentimento de desesperación. É preciso separarse e ter visión panorámica, histórica. Na miña infancia o galego non existía como lingua: era unha fala, a fala da xente iletrada e pobre; que era moito, claro é. HOxe existe como lingua, con moitas dificutades, porén xa existe algo como lingua estricta e mesmo institucional. E hai o que nunca houbo, nunca: uns miles de persoas, case todas novas, que viven a lingua como lingua nacional, cívica. NOn como unha fala doméstica.



6.- Santi: ¿Alguna vez le han impuesto en qué lengua escribir en una editorial, periódico o revista?

S.D.T.: Naturalmente. Mesmo me parece natural se se pensa ben, cada empresa, cada xornal ou revista distribúese nun ámbito determinado e ten determinado en que lingua se expresa. Teño publicado colaboracións en prensa de Francia, Italia, Alemania, e foron publicadas, traducidas, nesas linguas. En prensa de Barcelona e Madrid teño colaborado e colaboro en castelán. Hai anos colaboraba en prensa galega e facíao en galego. HOxe colaboro en prensa de Madrid, na edición para Galiza do País, e fágoo na lingua do xornal: nas páxinas diarias en castelán e, no que podo, nas de Cultura, en galego. Mesmo teño falado en inglés e escrito ponencias en inglés apresentadas nun congreso internacional en sAntiago. Non teño reparos con lingua ningunha. POrén, sei cal é a miña de cidadán.



7.- Roi: Sería quen de apuntar tres claves para poñer en valor no día a día ao galego con feitos?

S.D.T.: Poño unha clave e abonda: é a lingua internacional na que fala o Lula. A lingua que a cada vez máis xente en Alemaña, franza, están a aprender.



8.- José Tubio: Qual seria a sua forma de agir em relação ao mercado editorial lusófono, para alcançarmos os máximos benefícios na Galiza?

S.D.T.: Os mercados editoriais son independentes, autónomos, das consideracións filolóxicas que fagamos nós. Responden a uns mercados e uns públicos que foron configurados históricamente polos estados nación e non cambian dun ano para outro, son moi consistentes. Hai que saber que un libro editado no Brasil non serve en Portugal, o mercado editorial portugués esixe a "traducción" do texto normalmente. Ás veces tense considerado, dun xeito mesquiño e ofensivo, que os escritores que defendemos o achegamento e a reintegración lingüística o faciamos por unha "comenencia", por vender máis libros en Portugal e Brasil. Aínda que así fose. Mais iso é imposíbel, traducen e editan eles a quen eles queren, e iso ten que ver co valor da obra? Ás veces. Sobre todo con relacións de poder internas ao mundo da literatura e a edición.



9.- AGIL: Há esperança para o Galego com o "galego" (ILG-RAG) como filtro restritivo usado pela "Xunta" sob pretexto de "normalización"?

S.D.T.: Se hai esperanza para o hebreo ou para o éuscaro, hai esperanza para calquera lingua. O que decide o futuro das linguas non son as súas características morfolóxicas ou gramáticas, é a vontade de existir dunha comunidade de cidadáns. É vontade política. Agora ben, estou absolutamente en desacordo co isolacionismo, co rexionalismo lingüístico, para iso xa me paso ao asturiano ou ao aragonés. Eu falo a lingua do Occidente Peninsular, a de Pessoa e Lula. A miña.



10.- Carlos: Qual é a sua opinião acerca Academia Galega da Língua Portuguesa e da estratégia reintegracionista para a salvação da nossa língua?

S.D.T.: Como en case todas as cousas non podo satisfacer a ninguén, teño unha postura moi particular e chea de matices. Son reintegracionista, a miña lingua é a de Vinicius de Moraes, agora que como cidadán vou a bordo do barco dos galegos. Non me quero baixar do barco, e entendo que é un rumbo colectivo, por iso me ateño ás normas vixentes, non é por outro motivo. Con todo, entendo que é importante que se manifesten explícitamente os argumentos máis decantados cara a reintegración. Iso debe existir tamén, porque tamén campa o rexionalismo pintoresco enxebre.



11.- telepo??o: Hai perigo de que o galego remate como substancia ilegal (un pracer privado pero xudicialmente perseguido)?

S.D.T.: Nunca. Nunca será prohibido, non sendo que voltemos a un réxime totalitario como o franquismo. Outra cousa é o dilema histórico, a existenza do galego haina que gañar socialmente, con estratexias sociais. A vida diaria deprímeme nese aspecto, porén cando repaso a miña memoria, xa vou tendo, pois vexo uns avances reais.



12.- Lu: Observa relação entre a unidade da língua e da ortografia, a queda de falantes e a unidade do Reino de Espanha?

S.D.T.: A lingua? Referímonos ao galego en si ou ao romance hispánico occidental, o galego/portugués/brasileiro? A lingua é a mesma coas súas diferenzas, como as hai entre un falante de Cádiz (eu case non lles entendo) cun de Santander cun de Buenos Aires. A unidade do reino da España é posíbel e que a lingua galega prospere: aí está o caso do éuscaro. Non descarguemos os nosos problemas nos demais: somos os galegos, é a Galiza, a que trata deste modo á súa lingua. Non son os madrileños nin os chinos.



13.- Fiz: Sen rodeos: Ten Vde. algo en contra da Coruña?

S.D.T.: Non. Teño alí dous irmáns e moitos sobriños, non me deixarían. Porén, estou en contra dos intereses contrarios a unha Galiza existente. Os nacionalismos localistas, o narcisismo esaxerado de quen sexa e onde sexa, desgústanme e vexo que son perxudiciais para a convivencia e proxectos compartidos. É certo que desde a Coruña hai prensa e intereses dalguna xente que son contrarios á esistenza da Galiza, que desexarían ser unha provincia de CAstilla-León ou La Mancha, mais eu non considero qeu esa xente, cos seus intereses, sexan "A Coruña". Aínda que eles se consideren os donos da cidade. Eu coido que A Coruña son todos os coruñeses e coruñesas.



14.- Irene: Que papel xogan os medios de comunicación na difusión e normalización da lingua?

S.D.T.: Os medios de comunicación son o instrumento e son o lugar onde se dá hoxe a vida social, é o que configura a nosa visión da realidade. Gran parte da batalla da lingua dase nos medios. O problema en relación cos medios é que son poucos os medios galegos, só unha canle de tv en galego...Ese é o problema, non temos os intrumentos para vivir en galego como cidadáns. E mesmo vemos na TVG o reflexo da situación diglósica da lingua: entrevistan a un/ unha científica e fala castelán, e logo sae a locutora falando galego: percibimos que a realidade social é a do científico en castelán e que o locutor está a representar unha ficción. É o que hai, é o que somos.



15.- Rosa: Qué valoración fai do papel de Xornal en relación co galego? Por que vostede non escribe tamén no Xornal?

S.D.T.: Moi boa, é unha actitude de fondo cordial e recoñecedora da lingua na sociedade. Responde tamén a realidades de mercado, é o que hai. Por que non escribo no Xornal? Porque vivo do meu traballo, son autónomo, escribo cousas e páganmas e teño relacións profisionais con empresas. TEño un acordo con outra empresa e polo de agora mantéñoo (mentres non me boten eles, que todo é posíbel nestes tempos). Todos vivimos de algún traballo, os que traballamos.



16.- Eva: Optimista ou pesimista ao respecto do futuro do galego?

S.D.T.: Son desesperado no día a día, mais é puramente un estado de ánimo ante a realidade, que non é como un quere. Con todo, a situación do galego é incomparábel a de hai corenta anos ou cincuenta anos. Antes había moito falante dunha fala rústica, a dos meus avós, hoxe hai unha lingua, codificada dun xeito que non gosto, mais...



Mensaje de despedida

S.D.T.: Obrigado polas preguntas. Sorte e saúde. Suso


Volver al listado de conect@ con...
Publicidad Gas Natural Fenosa - Mundo