Xa se escoita falar da imposición, da suposta inconstitucionalidade e das "Ikastolas", que seica serán o espello onde se mirarían as GALESCOLAS
Pero logo, que serán as pérfidas galescolas?
Polo que eu sei, en troques dunha ameaza, o que supón é algo que se nos viña negando por tempo, tanto que se nos perde na memoria. Cando menos a min, ninguén me ofreceu unha gardería (mellor dito aos meus pais) na que lle falaran en galego aos nenos, tampouco un colexio. E non podo negar que o día de mañá a min gostaríame que a miña filla ou fillo puidese recibir a súa educación e formación para unha vida de proveito na súa lingua, o galego. E pola xente que obxecte que non todas as materias se poden impartir en galego, ¡por suposto! ... Quen ía pretender dar as aulas de inglés, francés ou español en galego?... Supoño que ninguén, mais a min chegaron a darme aulas de galego en español ¡país, país! ...¡E é precisamente esa xente a que protesta!
Eu todo o que vexo, polo momento, son avantaxes. Vexo un investimento de 29 millóns de euros, 99 novos centros de educación infantil, máis prazas en garderías das que se crearan no periodo Fraga en tan só dous anos, e por fin uns centros que ofrecen a posibilidade dunha primeira educación na lingua nai, que o único que está é a cumplir é unha Lei de Normalización Lingüística aprobada polo tan alporizado PP.
Se este é o primeiro paso para "Educar en galego e para os galegos e as galegas do século XXI", por min adiante, que boa falla facía. E as casas non se constrúen polo tellado, senón por unha boa base, e ista (tempo ao tempo), parece bastante boa.