Domingo, 01 de agosto de 2010 - 9:57 h
Xosé M. González
Profesor
02-03-2007 12:35

O sorprendente caso do militante Valadés

   Non entendes unha palabra? Faille dobre clic
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
Ninguén poderá, dentro da lóxica que eu alcanzo, afirmar que non o esperaba: cando un dirixente local é proposto para expulsión dun partido relevante, o asunto chega á prensa. Que é de interese xeral deberíao comprender aínda o máis afervoado partidario de que “as cousas do Bloque son de portas para adentro”, canto máis os outros dirixentes, sexan locais ou nacionais. Xa que logo, se escollen precisamente este momento para tal evento, eles saberán por que.

O nome Pedro Gómez-Valadés éme coñecido desde hai algúns anos, e debo dicir que pola súa práctica -non sei se afán- de particularizarse no interior do nacionalismo organizado. Público promotor no 2004 do voto afirmativo á “Constitución Europea”, aparece ano e medio despois como presidente dunha asociación de amizade galego-israelí e utilizando nunha web súa a bandeira galega estrelada a carón da do estado hebreo. Non é un bloqueiro convencional e exhibe arreo tal e súa condición. Nada ilexítimo nin obxectivamente censurable, en todo caso.

Ben, pois rematando febreiro sábese que unha bastante exigua maioría do Consello Comarcal de Vigo conmínao a abandonar o cargo devandito baixo pena de expulsión do BNG. E xorden as reaccións: das expresas, como mínimo na rede, unha notable maioría veñen de confesos simpatizantes e partidarios da causa palestina; outra maioría, equivalente en proporción pero distinta en integrantes, apoia a Valadés, censura e nalgún caso deosta contra a advertencia que sobre el pende e os seus emisores. Nada estraño, por certo, para quen teña presente o pulso da sociedade; nada lamentable, agás se cadra algún extremo na descualificación.

Non escribo estas liñas con intención básica de comentar o proceso nin os seus fundamentos. Disque o motivo principal da maioría acusadora substánciase en “apoio ao imperialismo”; disque, tamén, houbo quen afirmou ser o acusado “axente do Mossad”. Non entrarei no segundo, simple ruxerruxe un tanto extravagante e de imposible discusión; deixarei pendente o primeiro, como tamén as avaliacións do acontecemento en si, porque, conforme eu o vexo, cousa máis xeral, transcendente e significativa está en xogo desta feita.

O moderno Estado de Israel xorde inequivocamente asociado a un movemento político chamado sionismo; era perspectiva deste construír unha patria xudía para os hebreos do mundo, minoría inequívoca en todas partes e de vida azarosa en case todas. Hai agora un século, empezaron a desenvolver un tipo de proxecto agrario comunal, os kibbutz, que -se cadra mutatis mutandis- pode ser visto con agrado desde unha perspectiva sociopolítica de esquerda; certamente, pódese ser socialista e admirar, dalgún modo cando menos, a empresa e funcionamento dos kibbutz.

Ora ben, no 1948 constituiuse o estado xudeu e desde aquela a poboación árabe de Palestina -instalada secularmente aló- converteuse nunha minoría oprimida. Non se pode afirmar que carezan totalmente de dereitos nin servizos, pero o poder é hebreo, a maior forza con grande desproporción está en mans hebreas e os árabes quedan na tesitura de aceptalo ou rebelarse. Maioritariamente rebélanse, é notorio, e o conflito non cesa nin a comunidade internacional o dá encamiñado cara a unha solución xusta.

Non é esaxerado, tampouco parcial, rexistrar que na opinión pública mundial a simpatía recae con vantaxe na causa palestina, de maneira especialmente notoria entre os cidadáns e militantes de esquerda; os palestinos son aquí os asoballados, privados da auga, o seu territorio sofre incursións militares e é progresivamente infiltrado con asentamentos xudeus. Sería tamén inxusto non recoñecer o carácter máis moderno e desenvolvido da sociedade israelí e a existencia e actuación entre eles de grupos de carácter progresista; tampouco non se pode, razoablemente, ignorar que o seu estado xorde con base en dúas razóns históricas que se combinan, un nacionalismo -coma o noso- de raíz romántica e a sensación de desamparo secularmente soportada: co colofón do nazismo hai setenta anos e o antisemitismo, minoritario e todo, que non acaba. Isto tamén se coñece e valora, maioritariamente, no contexto europeo ao que pertencemos.

Sería bo manter presente que a nosa sociedade é plural e tamén o son as correntes progresistas que actúan no seu interior. É o conxunto o que cómpre valorar, e non se determinadas individualidades responden a un patrón pretendidamente único. A cidadanía de esquerda europea e mundial, de maneira lóxica, é maioritariamente pro-palestina como tamén -constatémolo- refractaria ao integrismo islámico. Pero hai persoas e grupos daquela extracción e carácter que en modos diversos simpatizan co estado de Israel, se cadra con algún movemento ou fenómeno histórico hebreo; algúns, simplemente, compadecendo o sufrimento secular dos xudeus, admiran o modo de enfrontarse a el e buscarlle solución.

Consecuentemente con tal panorama, nos partidos e organizacións políticas que se reclaman progresistas a maioría dos militantes simpatizan coa causa palestina, participan nas mobilizacións ou empresas que se convocan e desenvolven no apoio dos palestinos e constitúen factor valiosísimo da presión internacional a prol dunha solución xusta; así mesmo, hai tamén afiliados e dirixentes proclives á causa israelí que, non infrecuentemente nin sen motivo, salientan a prol da súa argumentación os factores Hamás ou Hizbullah. A coexistencia dentro da mesma entidade política non está, sen dúbida, exenta de tensións, pero é o que acontece coas entidades que, tendo principios e coherencia propios, admiten sabiamente no seu interior a diversidade social. Nin que dicilo hai: son os que teñen máis fácil conseguir que a maioría da xente confie neles.

A estas alturas, seguramente é obvio: o asunto Valadés antóllaseme sorprendente, estraño, case incrible, sendo o BNG unha organización que traballa polo benestar do país e declara intención de abrirse á sociedade; xustamente a esa sociedade que conforma maiorías, permite a actuación das minorías e tende a confiar nos que son mellor espello dela. Aparéntame contraditorio que prime sobre a tolerancia política interna unha interpretación dos principios programáticos que, polo que parece, non comparte un continxente moi notable da organización. Debo dicilo, e tamén que sigo considerando o Bloque Nacionalista Galego como un corpo sabio.
Suscripción a papel
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad
publicidad