Miércoles, 17 de marzo de 2010 - 5:24 h
Silvia Carregal
Xornalista
17-10-2007 10:22

Pecha Aduaneiros sem Fronteiras

0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
O sitio web Aduaneiros sem Fronteiras, coñecido no ámbito galego pola súas satíricas visións gráficas da realidade do país, anuncia no seu site que pecha diante dunhas advertencias legais que lles fixo a poeta Yolanda Castaño.

Ao parecer, a escritora sentíuse ofendida por unha das creacións cómicas desta web humorística. Logo de recibir misiva do avogado da parodiada, os responsables de www.aduaneirossemfronteiras.org anuncian nun comunicado que se pode ler na súa web a súa decisión de voltar o peche ao site.

Lamentablemente, non tiven ocasión de ver a creación que ten suscitado a polémica. Cheguei tarde. Disque era unha animación cunha imaxe de Yolanda Castaño á que se lle podía mudar a vestimenta ao xeito que se facía coas vellas mariquitas (esas bonecas de papel coas que as moitos xogabamos antes de tanto nintendo XBox e demáis inventos electrónicos). Segundo leo na Opinión de A Coruña (xa lles digo que non din visto o invento), o xogo, denominado "Tu quoque Iolanda" amosaba a poeta vestida cunha túnica e cun coitelo ensanguentado na man. Ao parecer o xogo constituía unha crítica a Castaño por ter aceptado o posto de directora de Sargadelos na Coruña, unha decisión que se ten considerado nalgúns ámbitos como unha traizón a Isaac Díaz Pardo.

Como non cheguei a tempo para xogar coa versión Castaño desta Mariquita Pérez virtual, non podo opinar si a cousa era para emprender accións legais ou non. Acato en todo caso o que di a nosa Carta Magna sobre os Dereitos Fundamentais e a xurisprudencia que hai ao respecto e que coñecemos os profesionais da información. No Título I da Constitución Española "Dos dereitos e deberes fundamentais", garántese "o dereito ao honor e a propia imaxen", ao tempo que tamén se fala do dereito a "expresar e difundir libremente os pensamentos, ideas e opinións mediante a palabra, a escrita ou calquera outro medio de reprodución". Advírtese, non en tanto, que estas liberdades e dereitos "teñen o seu límite no respecto aos dereitos recoñecidos neste Título, nos preceptos das normas que o desenvolvan e, especialmente, no dereito ao honor, á intimidade e á propia imaxen".

Tanto o dereito de expresión como o dereito a ao honor teñen a máxima protección legal na nosa Constitución. Pero no caso de confrontación entre deles, adoita prevalecer o interés xeral, e no caso de que non exista tal, o habitual é que se elixa evitar danos e, polo tanto, a defensa do honor. Ao parecer o que realmente amolou á poeta foron certos comentarios insultantes que se colgaron do xogo e non o xogo en si mesmo. Seguramente os representantes legais de Yolanda Castaño poideran ter reclamado diante da Xustiza, incluso podería ter chegado a xuízo e aínda máis, poida que gañasen o caso, pero, que queren que lles diga... eu, que cheguei tarde, sempre terei a dúbida de si a cousa era para tanto...

O que si lles digo é que, para mín, durante anos Aduaneiros sem Fronteiras foi un referente do humor gráfico feito dende Galicia. Agromaba nos seus debuxos unha retranca intrínseca do país que daba gusto. A súas imaxes satíricas reflectían como poucos a idiosincrasia galega, pero chegou o día no que a un dos parodiados non lle fixo gracia o retrato. Unha cuestión que podía suceder. Entraba no guión. Con Fraga, non pasou, o tipo aguantou o tirón, as burlas e as sátiras. Con Yolanda, a cousa foi diferente. Todo depende de onde ten cada quen o límite, e o certo é que cada quen pode poñelo onde lle pete. Por outra banda, estou con Yolanda nunha cousa: ninguén ten que soportar insultos. Críticas si, pero insultos non. Se nos comentarios se lle insultaba, levaría razón.

O comunicado que Aduaneiros sem Fronteiras ten colgado na súa web di así: "Sendo requiridos por Dom Pablo Carvajal de la Torre, representante legal de Dona Yolanda Castaño Pereira, a retirar do nosso site o desenho gráfico “Tu Quoque Iolanda?” e os comentários a ele adjuntos, sob ameaça de demanda judicial por delitos de injúrias com publicidade, e nom querendo ferir a delicada sensibilidade da nossa insigne poetisa, Aduaneiros sem Fronteiras, questionando-nos até que ponto tem sentido continuar a fazer humor gráfico neste país e a desenvolver umha autocrítica da razom galega, vimos de decidir fechar o nosso site por enquanto o nosso legítimo direito à liberdade de expressom nom se veja a salvo de coacçons judiciárias fora de lugar".

Xa ven... seica nestes lares, perdemos ata o sentido do humor, isto tan galego... Mágoa...

---

www.aduaneirossemfronteiras.org

www.yolandacastano.com
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad
publicidad
Publicidad Best Sellers