A Asociación 'Vigueses por la Libertad' anunciou a súa adhesión ao 'Manifesto pola lingua común' ou 'Manifesto polo dereito a usar o español' impulsado, entre outras figuras, por escritores como Mario Vargas Llosa, Álvaro Pombo ou o filósofo Fernando Savater.
Esta entidade viguesa explicou que o manifesto promove unha serie de premisas que comparte "plenamente" e que, de feito, algunhas figuran no seu propio ideario. Así, recordan que "son os cidadáns os que teñen dereitos lingüísticos, e non os territorios ou as linguas mesmas".
Vigueses por la Libertad afirmaron que, baseándose nesta idea, é "inaceptable que se xustifiquen as imposicións lingüísticas, como acontece en Galicia", e advirten de que, nas comunidades bilingües pódese "estimular, pero nunca impoñer" o coñecemento da lingua cooficial. "Non son os idiomas os que deben preocuparnos, senón os dereitos civís das persoas", engadiron.
Pois si que é inaceptable que na Galiza, a día de hoxe, se sigan a xustificar imposicións lingüísticas. E é indecente que xente como esta, que está do lado da imposición do español, "estimule" o exterminio da lingua e cultura do seu país.
Se o que nos deben preocupar son os dereitos civís dos cidadáns, logo por que sempre se está a pasar por riba dos dereitos dos galegofalantes, e en definitiva, dos galegos?
A asociación considerou que decretar a lingua autonómica como vehículo exclusivo ou primordial para a educación e das relacións coa Administración é unha "imposición abusiva". Ademais, afirmou que estas medidas reducen as oportunidades para a educación e o traballo das persoas.
A imposición abusiva é a que eles preconizan, que xeito ten chamar imposición ao natural fronte á imposición real? que como é a súa parécelles menos imposición, non é? Debe ser iso, sen dúbida ningunha.
Ademais como a ignorancia é atrevida, atrévense a dicir que por aprender na lingua propia reducen as oportunidades para a educación e o traballo. Vou beber un chisquiño de auga para dixerir un pouco mellor estas palabras, xa que o primeiro impulso pódeme levar a incluir unha nova sección en MundoGaliza, de seguro orixinal, dedicada á incultura. Xa respirei fondo e contei até dez (segundo as recomendacións de sanidade), a barbaridade segue alí escrita, logo só me resta tentar con toda a delicadeza da que son capaz, explicar a quen parece ter a cabeza dura que canto máis saiba un máis oportunidades ten, ou polo menos máis coñecemento.
Se eu, por poñer un exemplo, falo correctamente seis idiomas, terei máis coñecemento ou oportunidades que un que só acepta coñecer unha?
Se no meu país non houbera xente como vostedes que se dedican a minar todo canto atisvo de normalización do que é normal, mellor nos iría a todos. Por que pretenden que teña máis oprtunidades un castelán falante que un galego falante?
Se imos á internacionalización e á apertura de mercados por que non propoñen o ensino en chinés?... como ten máis futuro e saída que o español... E continúen a mandar aos seus fillos a aborregarse un bocadiño máis aos USA, que teñen un nível educativo moi superior e falan un British English sen precedentes para encher o seu curriculum.
Bilingüísmo harmónico, please.
Así, reclamaron o dereito á educación en lingua española, o dereito de atención nas institucións nas dúas linguas oficiais, e que tanto as comunicacións da Administración, como a rotulación oficial e das vías públicas sexan bilingües.
Que sentido ten reclamar o dereito á educación en lingua española cando é o que se ofrece de xeito case exclusivo nunha cidade como a súa (e por desgraza tamén na miña)? Acaso os galegos non temos dereito a reclamar o dereito á educación en lingua galega? Pois vai ser que é xusto este dereito o que non se está a respectar!.
Calle/Rúa Real, se pon calle non me perdo, se pon rúa xa non sei onde estou. Ou o que pretenden sinalizar é A/La Coruña, Buei Muerto, Caldas de Reyes, ... e Lava Cojones? ... porque de seguro irán a Peinador mais se van apañar un avión a Lavacolla saiban que ise é o nome que lle correspondería na súa deturpación. E é que os pelegríns debían lavar as súas cousas e purificarse antes de entrar en Compostela para acceder á Cateral sen o cheiro que traían do camiño.
De igual xeito que outros deberían purificar a súa boca antes de falar, cando menos aprender un pouquiño de respecto.
Vigueses por la liberdad, por que non deixan ser libres aos vigueses pola liberdade e aos galegos en xeral?