O ex-presidente do Goberno José María Aznar asegurou que "nunca" se vai arrepentir da foto das Azores, previa á guerra de Iraq, e advertiu ao PSOE de que "pagará a súa tremenda deslealdade" tralos atentados do 11-M en Madrid. Aznar negou que a posición do seu Goberno na guerra de Iraq fose errónea.
Debe ser que é unha característica inherente aos pequenos homes con mostacho (Aznar, Franco, Hitler, Musolini..), ou sen el como os compañeiros da foto (mais todos eles pequenos en catadura moral), o facer mal a sabendas, non arrepentirse e, por riba, fachendear das súas fazañas.
A grande diferenza entre un ser humano que erra e se arrepinte e outro ser - que dista moito de ser humano, mais non por ser divino - que lonxe de mostrar o máis mínimo aceno de arrepentimento dos seus crimes (xa non erros) é a súa actitude.
A actitude e comportamento criminal, planificado e premeditado, pasa pola intervención dun tribunal internacional.
Aznar, Bush e Blair deberían ser xulgados.
A tremenda deslealdade talos atentados do 11-M xa a pagou quen a debía pagar nas urnas, aínda que tamén as debera pagar nun tribunal polas mentiras, inxurias e demais.
Neste sentido, cualificou a súa foto nas Azores xunto ao presidente dos EEUU, George W. Bush, e o ex-xefe do Goberno británico Tony Blair como "o momento histórico máis importante que tivo España en 200 anos".
España non, apenas o anano que presidía o Estado nese momento, xa que o pobo español non apoiou en ningún momento o que estaba a facer o seu presidente.
O agora presidente da Fundación para a Análise e os Estudos Sociais (FAES) negou que entre o 11 e o 14 de marzo de 2004 existisen "triquiñuelas partidistas" por parte do PP, aínda que non así por parte do PSOE, gañador das eleccións xerais celebradas tres días despois dos atentados en Madrid.
Será que o termo español "triquiñuelas" non debe significar o mesmo no meu diccionario que no seu.
"O PSOE pagará tarde ou cedo un prezo pola súa tremenda deslealdade trala masacre do 11-M", afirmou mentres pensa na maneira de seguir argallando algo que aparte a zapatero da Moncloa, incluída a crise económica internacional que provocou xunto aos seus compinches, consecuencia da guerra do Iraq..
Aznar mostrou a súa preocupación polo futuro da Constitución, que considera "vulnerada coa complicidade" do Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero. Neste punto, acusou ao PNV de querer "a derrota de España a través dunha negociación coa banda terrorista ETA".
Bla, bla, bla, bla. Tanto manipular e mentir crea severos transtornos, até o punto de crer as propias falacias e pasar por riba do ben e do mal coa prepotencia de quen se pensa un deus a xogar coa vida dos demais.