"Seriamos, sin fala, uns ninguén, unhas cantas galiñas desprumadas. Os nosos enemigos saben ben que as palabras vencen ás espadas". Estes versos de Manuel María foron publicados durante o abafo do réxime franquista, en 1970, dentro da obra Canciós do lusco e fusco. Aos fillos da democracia, os que afortunadamente descubrimos o concepto de ditadura nos manuais de historia, estas verbas deberían soarnos épicas pero alleas. Unha fronteira xa derruída. Sen embargo, a lectura hoxe deste poema resulta demasiado elocuente, un berro que precisa saír do papel para frear esta enxurrada mentireira que nos afoga.
A lingua é o celme dun pobo, a máis sofisticada das súas construcións e a máis poderosa das súas armas. Obra colectiva que viaxa alén dos séculos como portadora do saber que lle outorgou e outorga a súa descendencia. Leite materno que alimenta o cerebro e dota de forma o pensamento. O idioma é un xeito de ollar. Por iso é unha cuestión tan relevante, por iso roubou tantos minutos da pasada campaña electoral.
O novo presidente da Xunta, o noso presidente, o máis lexitimado pola participación histórica nas urnas, semella, polo de agora, que pretende soster a súa lexislatura en dúas trabes capitais: austeridade para paliar a crise e bilingüismo. Para materializar o segundo dos seus obxectivos pretende concederlle aos pais liberdade á hora de escoller o idioma en que serán educados os seus fillos. Sen embargo, está por ver como consegue levar a cabo a segregación idiomática sen duplicar as aulas e, polo tanto, sen incrementar o gasto público. Ao mellor Feijóo está xa a pecar de incoherente, ou mesmo de demagogo, ao axeonllarse ante Galicia Bilingüe e o seu club de fans. Aqueles que ansían facernos crer que o goberno do bipartito pretendía impoñer o galego no ensino. O nacionalismo español disfrazouse de vítima.
A realidade é outra ben diferente. A política lingüística do bipartito, herdada da política lingüística de Fraga, tratou de desenvolver unha sorte de discriminación positiva en prol do galego para que supere, dunha vez por todas, a súa condición de lingua minorizada, que non minoritaria.
Superar a barreira da diglosia para conseguir que o noso celme non se converta nunha peza de museo desleigada. Por favor, señor Feijóo, atenda esta petición de esmola: ¡Non á formación de guetos lingüísticos! Non fragmente aínda máis este mosaico noso. Escoite como remata o poema de Manuel María: "O idioma somos nós, pobo común. Vencello que nos xungue e ten en pé, herencia secular de cada un, fogar no que arde acesa a nosa fe".