Jueves, 18 de marzo de 2010 - 5:08 h
David Formoso
Xornalista
19-03-2009 00:32

Unha nova estratexia

5 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 14 voto/s

Publicado con culpable retraso, o segungo Mapa Sociolingüistico de Galicia, constata o que todo o mundo intuíamos, menos os defensores oficiais do idioma galego: que vai a menos e ao trote. Se se dera a coñecer antes, sería un argumento útil para atallar con datos a mendaz campaña sobre a chamada imposición do galego. Pero os defensores oficiais e oficiosos preferiron tirar a alfombra enriba. Mesmo reprobaron o berro de alarma que deu hai semanas Xesús Alonso Montero. Antes de facer chamamentos inxelos á responsabilidade colectiva, convén saber que pasa.

A Galicia contemporánea, a que vive a mellor etapa de desenvolvemento económico e de benestar dos últimos séculos, forxouse contra si mesma, contra o que foi (algúns chámanlle auto-odio), contra o seu idioma, contra a vivenda (substituída polo feísmo), e comidas tradicionais que, no canto de evolucionar, quedaron esquecidas. Ao mesmo tempo, valorou todo o que viña de fóra. E fronte a unha realidade tan obvia como contundente, a estratexia dos poderes públicos e culturais cinguiuse para soster o idioma a pouco máis que ao ensino. Un ámbito que non está para tirar foguetes. Non se ensina pouco o galego na escola; ensínase mal (hai excepcións, claro, as que vostede queira, pero excepcións) como as demais linguas. Ligado ao ensino, están as lecturas. As que se recomendan, polo xeral, son tan pouco axeitadas como atractivas. Chegados a unha idade, os rapaces atopan libros máis interesantes en castelán.

E se miramos a outra institución que naceu para fomentar o idioma e cultura galegas, tampouco resulta máis efectiva. Programas da TVG como o Xabarín e Sinchán tiveron grande éxito nos pequenos. Pero, ao chegar a adolescencia, a oferta bótalles para atrás. O resultado é que a esas idades, non é cool ver a cadea autonómica. Tampouco se soubo poñer en valor a lingua. Non só por ser a única na que históricamente os galegos nos comunicamos entre nós, se non pola utilidade que ten no mundo, falada, nos diversos dialectos portugueses, por millóns de persoas e varios países, entre eles Brasil, a potencia emerxente xunto con China e India, e onde se emprega unha variante dialectal moi próxima a nós.

No canto de cualificar de zipayos aos que combaten directamente o galego (son poucos, pero fan ruído) e aos defensores da actual situación que, obviamente, vai acabar co bilingüismo a favor do castelán, o que se precisa é unha nova estratexia estudada, consensuada e moderna, que abandone vellos tics e conceptos militares, e se fundamente máis na utilidade e nas técnicas de persuasión que Joseph Nye chama ‘Poder Blando'; que posibilite que a defensa do idioma sexa tarefa (efectiva, non so retórica) de todos e non bandeira, signo distintivo e mesmo razón de ser de asociacións, institucións ou opcións políticas por moita razón que crean ter. Antes que conquistar as mentes das novas xeracións hai que conquistar os corazóns. E isto non ocorre no medio de batallas nin de guerras.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad
publicidad
Publicidad Best Sellers