Falar dun premio literario adoitra traer á nosa mente un certo ambiente serio. Mais un premio que denomina a súa entrega "festa da lingua" xa dá algunhas pistas sobre o seu carácter excepcional. A semana pasada, en Vilagarcía de Arousa tiven a sorte de acudir en representación de Implicadas no Desenvolvemento, que contaba cun libro finalista, á entrega dos Premios Frei Martín Sarmiento e abofé que a diversión dos centos de crianzas que alí se reuniron para falarnos, ametrallarnos a preguntas e logo aplaudir cos gañadores (parabéns!) é só a punta do iceberg. Debaixo das augas agóchase o traballo arduo de profesorado e organización de facer que 6000 crianzas sexan un xurado que le e vive libros en galego cada ano, non é ese xa o mellor premio? Nun entorno como o dos colexios relixiosos despunta máis o traballo do profesorado e das institucións que promoven este premio, que centra a súa mensaxe no idioma. Despois do discurso de Belén Regueira na entrega dos Mestre Mateo, que constata a dura realidade da perda de falantes nin sequera pasivos (é dicir, que hai xa centos de crianzas en Galicia que non saben falar galego nin ben nin mal) dá esperanza esa vitalista reunión de quen si sabe, de quen si pode, de quen entende que o galego é diversión e soñar e vida. Mágoa que a festa pasase desapercibida nos medios, polo esforzo e polo que significa. Tamén polas palabras que alá escoitamos, nós e as crianzas, que nos reafirman en seguir traballando pola lingua e a cultura en galego. Como dixo Rubén Riós, simpático e comprometido, o mellor que se pode facer pola lingua é falala. Iso, e o día 17 de maio estar en Compostela.