Ás veces encabálganse dolorosas puñaladas de melancolía que veñen ás présas, como as labazadas de sal na praia da Frouxeira. Ás veces, a melancolía vístese de canción ou de poema. Á veces, íspese de todo, ata de si mesma, e deixa un furado grande grande grande como só poden ser os furados deixados por presenzas que unha non sabía que existían. Ás veces, por segundos, a vida atravésase na metade da gorxa como se fose unha espiña de peixe e pide coraxe. Pide botarlle peito para gañar o futuro. Pide soños, pide valor e pide esperanza ante os desafíos que nos vai zorregando iracundo o destino. Ás veces debemos respirar fondo ata que o aire faga dano no peito. Para sentir que aínda estamos vivos. E que cómpre vencer o mañá.
Talvez por iso, Antonio Vega e Mario Benedetti ousaron marchar deixándonos as súas maletas de melancolía e os seus esparadrapos de verso para curar as feridas. De Vega, ese sitio de mi recreo, esa chica de ayer, esa lucha de gigantes, esa insoportable ausencia de Marga. Do uruguaio, o seu compromiso: “Pero hagamos un trato, yo quisiera contar con usted. Es tan lindo saber que usted existe. Uno se siente vivo y, cuando digo esto, quiero decir contar aunque sea hasta dos, aunque sea hasta cinco, no ya para que acuda presurosa en mi auxilio, sino para saber a ciencia cierta que usted sabe que puede contar conmigo”.
Claro que isto ti xa o sabías antes de que eu escribise este artigo e a esperanza atravesase a gorxa como unha espiña de peixe. Irrenunciablemente.