A campaña dos partidos estatais nestas europeas 09 bordea o esperpento. Mariano traizóase a si mesmo por un momento, sae da súa languidez lendaria e activa a máquina expendedora de lixo, a que tan bons resultados lle deu en Galiza o 1-M. Na outra beira, entran ao trapo porque disque é a forma de colocar titulares. Con Blanco colocado agora en Fomento (o agudísimo estratega de Palas vén de descubrir que o seu propio Goberno enganaba a Galiza), quizá sexa Leire a que leve a manixa do combo de Ferraz, quizá o propio ZP está a detraer da súa axenda de estadista algún minuto para dedicalo a estas tarefas tan domésticas (en realidade o seu é apertarse con Guardiola e Iniesta e negociar algunha foto con Obama, que pesadez de eleccións, rosma nos momentos íntimos). Os xerarcas socialdemócratas, en fin, aceptan o desafío dos conservadores e poñen tamén o ventilador a tope, salferindo de porcaría o escenario.
O xogo de competir a ver quen é máis corrupto só interesa ao neofascismo posmoderno, esa ameaza que paira sobre Europa. E non estou esaxerando: un partido filonazi ameaza con superar o 5 por cento do voto no Reino Unido xusto no momento en que os inquéritos agoiran a debacle dos fillos de Blair (desfeita esta ben previsíbel, sempre que a esquerda xoga no campo da dereita -xa saben: hai que modernizarse, renovarse, abrirse á sociedade e demais frases feitas, patatín, patatán- perde por goleada, porque o público prefire sempre o orixinal á fotocopia). Ollemos a Italia, ali os herdeiros de Mussolini empoleiráronse ao poder da man de Berlusconi. Este plutócrata grotesco chegou ao poder para auto-amnistiarse (cometeu delitos, pero prescribiron, e aí o teñen, calquera día volve presidir a Unión Europea). É tamén un usuario de avións militares para goce privado, o que é congruente co substrato ideolóxico que explica a este personaxe, o Estado como finca privada para desfrute da oligarquía.
A corrente berlusconiana, en versión carpetovetónica e nacional católica, encárnaa no Estado Mayor Oreja, devoto da Igrexa ultramontana, autor da frase nunca desmentida de que no franquismo si que se vivía placidamente, el e os seus, claro, piadosísima tropa que seica se abriu paso na vida grazas ao seu bisavó e aos seus consellos de prohibir o euskera en casa, aquí Alberto Núñez Feijóo está a un paso de facer o propio co galego, a ver se así o promoven en España.
Sinceramente, aburren ás ovellas, co seu noxento pim-pam-pum de corruptelas e a súa fraseoloxía bipartidista. Pasemos deles, falemos de Galiza en Europa e non nos subamos ao avión de Berlusconi, que xa sabemos como acaba esa historia.
>> Bótalle un ollo ao blog de Mexuto.