O conselleiro de Educación presentou onte a enquisa que, di Jesús Vázquez, "inicia o proceso de derrogación do decreto de galeguización do sistema educativo". Ao tempo, explica que o inquérito, de cuxa realización serán responsables as direccións dos centros, se enmarca na intención de "superar a conflitividade" e os "problemas de legalidade" que, di, presenta o actual marco.
En torno a 330.000 cuestionarios -cun custo, segundo Educación, de seis céntimos cada un- chegarán aos case 1.500 colexios e institutos do país. As familias cubrirán "tantas enquisas como fillos teñan" nas que se lles pregunta, por exemplo, "en que lingua preferiría" que os estudantes cursen as "materias troncais" ou reciban os libros de texto. Entre as opcións, a Xunta ofrece un abano amplo: dende os máximos "todas en galego"ou "todas en castelán" ata as vaguidades, como "unhas en galego, outras en castelán" ou "indistintamente".
No impreso da enquisa, bilingüe nos catro modelos, tamén é posible atopar espazo para opinar sobre a inclusión de "materias en inglés". O que non atoparán pais nin fillos será a posibilidade de elixir un reparto equilibrado de materias impartidas en galego e castelán, o cincuenta por cento estipulado no vixente decreto.
Con estes vimbios, un indeterminado "equipo da consellería" peneirará os resultados para convertelos en "punto de partida" do novo decreto, do que Vázquez asegura, sensiblemente molesto cos xornalistas aos que onte convocou, que aínda "non existe borrador" ningún. Sustentarase así unha modificación legal na foto fixa de tan só unha parte da comunidade educativa, obviando un camiño normalizador que xa dura décadas e abrindo a porta á modificación de leis amparadas, estas si, en amplísimos consensos.