A cadea televisiva Fox News, portavoz da reacción norteamericana, está empeñada en convencer á súa audiencia de que Obama conspira contra o capitalismo. Barack sería un astuto seguidor de Marx que, baixo aparencia centroesquerdista, maquinaría na sombra a construción do socialismo. A ollos de Fox News, o presidente dos EUA é un perigoso radical que nen cuspe ao Islam nen abxura do seu pasado de activista do movemento dos dereitos civís. Aínda por riba, láianse os telepredicadores, vai e nacionaliza General Motors, o buque insignia da superpotencia.
Gustaría de que Fox News estivese no certo, pero, ai, unha análise obxectiva do que está a facer o emperador lévame a pensar que, en verdade, Barack está a dalo todo non para superar o capitalismo, senón para salvalo. A súa é a política intelixente para que Das Kapital continúe o seu reinado. A retórica da non intervención na economía é xusto a que levou ao grande crack do tinglado neoliberal. En puridade, Obama apadriña unha sorte de capitalismo de Estado, que consiste en que o erario público pon os cartos mentres os negocios privados son ruinosos para logo se retirar da escena, co libreto privatizador na man, cando volven as vacas gordas.
General Motors está nacionalizada. Certo. Mais a xestión non será pública. En palabras de Obama, "non nos interesa dirixir GM. Os executivos da compañía serán os que tomen as decisións...". Serán xestores privados, en algúns casos os mesmos que levaron a empresa á quebra, os que xestionen GM. O contribuínte tapa os buracos. Cando retornen os beneficios, GM volverá a ser privada. Fox News, cegada polo sectarismo, nunca o recoñecerá, mais Milton Friedman non o faría mellor.
>> Bótalle un ollo ao blog de Mexuto.