Falar de modelos económicos parace a miúdo algo abstracto. O conflito do metal é a condensación concreta de dous modelos que se disputan en carne viva: un que se resiste a admitir o seu naufraxio e outro que pula por agromar desde as entrañas da precarización acumulada. O problema é que nese conflito están sobre o escenario dous actores de carne e oso, os traballadores e os empresarios do metal, pero faltan actores clave que se agochan entre o bastidores. Efectivamente, as condicións laborais e salariais no metal son o resultado dun sistema financeiro que leva anos asfixiando e exprimindo ao máximo ás empresas industriais. Por un lado, a liberalización e desregulación imposta polas políticas neoliberais someteron ao sector a unha competencia feroz, presionando á baixa os custos de produción. No outro brazo da pinza, as entidades financeiras apostaron polos lucrativos negocios especulativos no inmobiliario e nos mercados financeiros, racionando o crédito e negándose a participar no capital das empresas produtivas a menos que garantan altos dividendos. Todo iso tradúcese nunha continua drenaxe de beneficios cara o capital financeiro e agudiza a presión cara abaixo. As primeiras vítimas son as empresas industriais e os paganos en última instancia son os seus asalariados, aos que se lles impoñen condicións salariais cada vez máis insoportábeis a fin de poder satisfacer a voracidade do sistema financeiro, local e global. Pero ese capital financeiro non comparece no conflito. Os seus fíos son tan invisíbeis como as anotacións contábeis no ciberespacio.
Por iso a batalla dos obreiros do metal non é só contra os empresarios que viven nas ribeiras da Ría de Vigo senón tamén contra os fundamentos dese modelo de economía dominada polas finanzas especulativas. É unha loita moi desigual pero tamén, no fondo, compartida por outros moitos sectores sociais. Todos aqueles que pasados os anos acaban vendo que os sacrificios non son compensados por unhas perspectivas de mellora senón máis ben por unha probable exclusión nas fileiras do paro. Nin tan sequera lles queda o consolo de ver unhas empresas que medran e crean empregos de calidade. Tan só ven como a plusvalía producida acaba engordando as infladas contas de resultados dos grandes bancos e fondos especulativos, as astronómicas remuneracións dos seus altos executivos e accionistas.
Os traballadores do metal móstranlle ao resto da sociedade a inviabilidade dun modelo de baixos salarios que para aguilloar a demanda só sabe ofrecer endebedamento masivo. Esta crise demostrounos que xa non é posíbel seguir alimentando a demanda por esa vía, porque os traballadores do metal, e os outros, xa non poden endebedarse máis. Por iso os traballadores do metal están forzando, pola vía dos feitos, o levantamento dun novo modelo onde as finanzas non extorsionen as empresas industriais para que estas non extorsionen aos seus traballadores. ¿Saberán concretar iso nas votacións do domingo para fundar unha outra Europa sobre un outro modelo?