Saxitoxina. Cromatografía. Fenómeno hormético. Efecto probiótico. Filoxenia... Fronte aos muros que nos afastan do coñecemento científico, urxe o diálogo entre arte e ciencia para nos achegar con perspectiva múltiple ao mundo que habitamos. Con este obxectivo naceu o Proxecto Neuston que ata o 21 de xuño podemos contemplar no Museo do Mar en Vigo. Neuston significa comunidade de organismos que viven asociados á superficie na interface auga-aire e, coma ela, quince tándems de investigadores e creadores procuran superar os lindes de ambas disciplinas. Traballos científicos de investigadores como Santiago Pascual, Marta L. Cabo ou Isabel Medina foron convertidos en contos, fotografías, pinturas ou cómics da man de artistas, entre outros, Fran Alonso, Manuel Vilariño ou Marilar Aleixandre. E todo para superar esa incerteza que recolle o poema de X.M. Álvarez Cáccamo: “Sei que o poema nace e medra en espiral dunha interrogación; sempre en presenza da incerteza; e o rumbo expansivo das ondas regulares actúa como os latexos do corazón do mar (...).”