O paradoxo é este: en plena crise do capitalismo neoliberal, as forzas políticas neoliberais arrasan en Europa. Berlusconi residualiza a esquerda en Italia. Sarkozy pulveriza o PS francés. No Reino Unido os laboristas son a cuarta forza nos comicios. O xiro á dereita é completo en Europa. Tamén en Galiza e no Estado.
Por que as formacións políticas que proclaman o reinado do mercado sobre a política avanzan se esa é a lóxica que nos levou á actual crise? A pregunta do millón non ten unha resposta unívoca. Os clásicos dirían que vivimos baixo o imperio do irracionalismo e que os comportamentos sociais obedecen a mecánicas de alienación, de maneira que a maioría das persoas (isto é, os traballadores) acaban optando por partidos que son contrarios aos seus intereses. É posíbel que os clásicos tivesen razón, pero en todo caso pregúntome que podemos facer para que iso deixe de ser así.
Os poderes reais –basicamente o financeiro e o mediático– seguen en mans daqueles que non se presentan a ningún proceso electoral. O seu único proxecto é a súa autoreprodución como casta dominante. Mentres, as forzas transformadoras teñen verdadeiros problemas á hora de levantar un deseño alternativo ao hexemónico. É moito máis doado encastelarse na defensa da fortaleza, apelando ao medo ao descoñecido, do que imaxinar un mundo novo. Por iso, en épocas turbulentas os pobos rexen activando os seus instintos máis conservadores.
A bancarrota da socialdemocracia en Europa explícase porque renunciou a discutir a supremacía conservadora: se ti te dereitizas, dereitizas a sociedade, ergo, a sociedade acabará votando a dereita. Ou atacas as ideas de Berlusconi ou se só repudias as súas formas, a súa fachenda grotesca, entón entras no seu xogo e permites que a política se travista de ópera bufa e de farándula.
En Galiza, o BNG volta á Eurocámara. Sufriu un retroceso, mais inferior ao da socialdemocracia no conxunto do continente. Dirase del o que se queira, pero o nacionalismo segue a ser a única forza con azos para desafiar o proxecto neoliberal e desgaleguizador do PP no noso país. A recesión continúa. Xa sabemos que propoñen os neoliberais de Feijóo. Privatizacións encubertas, regalos fiscais aos ricos. Que non se enganen: terán oposición. Frontal. A liga é moi longa e aínda está empezando.
>> Bótalle un ollo ao blog de Mexuto.