Martes, 09 de febrero de 2010 - 21:14 h
Martin Pawley
Crítico de cine
13-06-2009 11:57

Disidencia

0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 5 voto/s

“Resistencia non, disidencia. Se resistes perdes”. Díxomo unha noite de abril en Lisboa o director João Botelho, un fenómeno, seis décadas de vitalidade e humor cunha cabeza sempre fervendo a cachón. Reproducía as palabras que el lle escoitara anos atrás a Jean Marie Straub, o cineasta fordiano e marxista que na compaña da súa dona Daniele Huillet trazou un dos camiños máis singulares e rigorosos do cinema europeo (se non coñecen Sicilia! fagan por vela xa). “Non hai que estar enfronte”, engadía Botelho, “hai que estar a un lado”. Levo mes e medio dándolle voltas a estas frases, que me parecen un bo compás para guiarse nos tempos que corren. Non se trata de deixar de esixir o que é xusto nin de renunciar á crítica razoada e consciente, exercicios básicos de cidadanía, senón de entender que agora non chega con berrar e laiarse.

Que é posíbel vencer a noción de sacrificio e de derrota que leva implícita a palabra resistencia para transformala en algo máis produtivo, xerador de contidos, ideas e proxectos máis alá daqueles que o poder é capaz de asumir. Hai espazos e medios alternativos onde poñer en práctica o inconformismo, onde producir e difundir cultura á marxe da oficial, a que sexa, procurando recursos noutras canles, que algunhas hai, ou pola vía libertaria e valente da autoxestión.

Aí é onde entra o concepto esencial da disidencia, unha actitude independente desde a cal non hai maneira de facer Lawrence of Arabia, mais si Operai, contadini se posúes o talento preciso. Internet xoga ao noso favor: supera a separación física e as distancias e permítenos comunicar e compartir datos de maneira sinxela, e ademais facilita o descubrimento doutras voces e a contaminación mutua, circunstancias imprescindíbeis para o progreso. Internet é un territorio idóneo para a disidencia, mais non é o único. O caso é organizarse para crear e para disentir. Disentir sen desistir, porque hai cousas demasiado importantes como para deixalas só en mans dos políticos.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad
publicidad
Publicidad Diccionario galego-ingles