Se hoxe as negociacións do convenio colectivo do metal en Pontevedra non se reanudan, e o máis probábel é que non suceda, iniciarase unha folga indefinida nun sector determinante da economía galega. A patronal enrocouse en non permitir baixo ningún concepto subida salarial algunha. Saben que o resultado deste conflito vai ser un importante precedente en toda a negociación colectiva dos demais sectores e empresas, de aí que non se movan un ápice da liña de aumento salarial cero fixada pola patronal empresarial española. O venres celebrábase a oitava xornada de folga, cun seguimento do 90%, o que da boa conta da firmeza da clase traballadora que non está disposta a dobrarse fronte á intransixencia patronal. Mentres, a Xunta do PP apenas consegue maquillar o seu claro aliñamento cos intereses empresariais, cunha impostada disposición á arbitraxe, que non se concreta nunca en nada, e o goberno central segue con preocupación un conflito que polo seu carácter referencial, podería supor a isca que faltaba para desatar o lume social dunha folga xeral en Galiza.