Podería ser o protagonista de Dallas ou o antagonista de John Balan nun espectáculo que mesturase ironía e balas a ritmo de cowboy neste oeste atlántico. Pero non o é. John Deere desfilou estes días a centos –grandes, impoñentes, pneumáticos tristes– polo asfalto cando o seu medio natural é a terra. Para retobatar, para amontoar, para arar, para segar. Pero John Deere, cowboy melancólico, cabalgou polas estradas pintadas e escoltadas de beirarrúas onde os paseantes contemplaban –algúns entre aplausos, outros molestos, os máis abraiados– o tránsito lento da desesperación. Foron centos os que colapsaron as cidades co seu camiñar lacazán para alertarnos dos 16 céntimos que as empresas están a pagar aos gandeiros polo leite que consumimos. Para facernos cómplices do secuestro do leite producido en Galicia en moitos supermercados. Para esixirnos que non ollemos para outro lado cando nos nutrimos de leite traído de calquera punto de Europa ao tempo que os nosos gandeiros non teñen quen lles recolla a produción diaria a un prezo digno. Cando advirten que a metade das granxas do noso agro pode pechar en dous meses se non se toman medidas. Cando actualmente –no tempo da semente do maínzo e da preparación do ensilado– son máis os gastos ca os beneficios nas explotacións agrarias. Canda eles, os obreiros do metal de Pontevedra, os da empresa Caramelo da Coruña e o sector teatral. Por iso John Deere transita canso polo asfalto das cidades como chamada de auxilio. Para que todos sexamos conscientes de que a súa agonía é a agonía do rural. Que neste país aínda ignoremos que é John Deere di moito de nós. E do que nos importa realmente.