Don Alberto foise ver con don José non para negociar nada, senón para recibir unha comunicación. Isto é o que imos facer e así o imos financiar. A don Alberto pareceulle de fábula e don José tivo que suar menos que Federer nun partido de primeira ronda. A cabalería mediática trompetearía os titulares de rigor: cimeira histórica, acordo sen precedentes, bo traballo don José, como non axeonllarse ante o galego que trunfa en Madrid, en que soña don Alberto se non é en ser no futuro o que no presente é don José (en verdade, as elites dos partidos estatais en Galiza cobizan antes as cadeiras madrileñas que os escanos santiagueses).
A realidade é máis prosaica. De cimeira histórica, nada. Estamos perante a reedición do acordo Fraga-Cosculluela, perante o remake dos pasteleos de Fraga con Álvarez Cascos. A mesma comedia de sempre. Aparentes diferenzas irreconciliábeis disólvense como un azucarillo cunhas palmadiñas nas costas do presidente galego de quenda. A liña vermella intraspasábel de 2012 aprazámola tres anos, agora está situada en 2015, e tira millas. Establecemos, iso si, a excepción galega. En todo o territorio do Estado o AVE págao Fomento. En todo? Non, na aldea gala de don Alberto a Xunta porá parte do orzamento e abrirase a billa á iniciativa privada (pero non está o sector privado en bancarrota?).
Un despropósito. Don José coñece ben a política galega. Sabe de que vai isto. E don Alberto non é máis que un novo presidente galego que vai a Madrid non como o presidente dun país, senón como un político que aspira a colocarse na Metrópole e que, mentres tanto, oe con atención o que ten a ben comunicarlle un ministro español.
>> Bótalle un ollo ao blog de Mexuto.