N unca antes a lingua propia de Galicia estivera tan ameazada, e tampouco nunca antes se deran tantas condicións para superar vellas rémoras no discurso sobre o galego. A irrupción de Alberto Núñez Feijóo na Xunta, e sobre todo o nomeamento de Xesús Vázquez como conselleiro de Educación, coa débeda contraída con Galicia Bilingüe durante a campaña como pano de fondo, colocaron aos galegos e ás galegas nun escenario inédito.
É a primeira vez dende a chegada da democracia que un goberno pon en cuestión o Estatuto de Autonomía e o espazo de convivencia que con el se empezou a crear en 1981. Tanto é así que, tamén por vez primeira, é a sociedade no seu conxunto e non un sector do arco parlamentario a que se sente agredida na súa dignidade. Os síntomas son cada vez máis evidentes, e todo apunta a que será tamén aí, no conxunto dos cidadáns e das cidadás, onde se acerte a frear a brutal ofensiva.
O de Manuel Fraga foi un periodo calculadamente contraditorio. Dende o respecto ao Estatuto de Autonomía, que establece o galego como lingua propia de Galicia en réxime de cooficialidade co castelán, os sucesivos gobernos conservadores foron dando pasos adiante no plano lexislativo. Xa dende a época de Xerardo Fernández Albor, avanzábase na creación de reservas de especial protección para o galego cada vez maiores, nomeadamente no ensino, ao mesmo tempo que se procuraba desactivar os mecanismos de control previstos por esas leis.
Con todo, tanto a Lei de Normalización Lingüística de 1983 como o Plan Xeral de Normalización, que se empezou a aplicar antes das eleccións autonómicas de 2005, foron iniciativas de gobernos conservadores, iso si, refrendadas logo por unanimidade no Parlamento. Fraga ditaba a norma e permitía a infracción, pero nunca cuestionou o mandato do Estatuto nin lles preguntou aos pais e ás nais se era preciso facelo. O marco legal que coñecemos, contra o que agora se levanta o conselleiro de Educación, é obra do Partido Popular e non do bipartito, que se limitou a seguir a mesma progresión xeométrica en materia de normalización lingüística que aplicaran os conservadores. Se acaso fallaron os tempos, pero o decreto do galego no ensino que se quere derrogar foi coherente coas bases anteriores. Responde escrupulosamente ao Estatuto e á vocación das normas que a seguir se ditaron: crear as condicións para normalizar a lingua propia.
Nin o BNG nin o PSOE van ser quen de frear ao conselleiro de Educación, e tampouco parece que a Real Academia Galega estea disposta a extremar o compromiso que a súa propia natureza institucional establece. É por iso que a sociedade non deixou de falar dende o pasado 17 de maio, cando as rúas de Compostela coñeceron a manifestación máis concorrida que se recorda a prol da protección do galego. As páxinas de Xornal de Galicia están a ser testemuño deste fenómeno e da xeneralización dunha nova demanda: a defensa da lingua, neste escenario, como apuntaba o Premio Nacional de Literatura Infantil Agustín Fernández Paz, esixe que os que foran até agora protagonistas deixen o primeiro plano a unha ampla plataforma cidadá que probablemente non necesite focos senón todo o contrario. Se o galego é de todos, como dicía o escritor, é preciso que na súa defensa estean tamén todos.
A lingua na que Uxío Novoneyra escribiu a súa obra necesita unha fronte ampla que a defenda. Neste intre, calquera exclusión é un paso atrás. Agora, calquera desafío á lei é unha irresponsabilidade. O noso marco de convivencia vén definido por dous textos fundamentais: a Constitución e o Estatuto de Autonomía. Cómpre non perder de vista que é a ofensiva da Xunta e non a defensa da lingua propia de Galicia o que pon en cuestión ese pacto.
Se realmente queremos a nosa lingua, o mellor que podemos facer é falala en cada momento do día.É a única maneira de que siga viva.E non serven disculpas, as linguas son algo vivo e cada día imos perfeccionándoas.Non podemos esperar a ter un total dominio, pois iso é imposible, porque as mesmas linguas ó ser algo vivo, tamén van cambiando. Estou moi satisfeita como nai por conseguir que os meus fillos teñan como lingua materna o galego, e eles mesmos afirman que amais de querela porque é a lingua na que mamaron,na que sinten... tamén lle está a servir para moverse polo mundo e aprender outraas linguas.O galego é unha lingua, amais de fermosa, útil, polo que non entendo como hai xente que renega dela.