O conflito do Metal de Pontevedra, está a chegar necesariamente a un punto de inflexión. Fronte ao inmobilismo da patronal enrocada nas súas posicións iniciais, e o punto morto ao que chegaron as negociacións, máis de 2.000 operarias e operarios comezan hoxe unha marcha a pé até Compostela, que rematará mañá cunha grande manifestación diante das oficinas da Xunta de Galiza.
Esta enxeñosa medida, proposta pola CIG, ten por obxecto precisamente premer ao Goberno galego do PP, posto que conforme avanzou o conflito no tempo este foi mudando a súa absoluta inoperancia inicial até o claro aliñamento cos intereses patronais, demostrado nas recentes e escandalosas declaracións da Conselleira de Traballo e do propio Núñez Feijóo, que mesmo se atreveron a tentar amedrentar á clase traballadora.
A marcha quere tamén facer visíbel a entidade do conflito, e a súa repercusión alén do propio sector ou da provincia, evidenciando máis unha vez a firmeza e dignidade das e dos traballadores, que pese a levar xa dezaoito xornadas de folga non están dispostos a dobrarse.