Parafraseando a terminoloxía que empregamos para a violencia de xénero, en Galicia estamos a vivir un claro caso de agresión lingüística perpetrado, como non, por quen ten a tixola polo mango. Daquela, á propia violencia engádese o abuso da posición de poder que dá estar no poder. Son dúas eivas sobre unha realidade fráxil que precisa de agarimo e moito coidado para preservar a diversidade cultural e lingüística no mundo, onde nós, as galegas e os galegos, temos unha responsabilidade universal. Xa sei que é arriscado dimensionar a escala planetaria por aquelo da grandilocuencia, pero así o vexo: o galego é unha especie en perigo, e precisa, polo tanto, dunha especial protección. Todo o que lle reste soportes, estímulos, garantías e facilidades, vai a contra.
Sinceramente coido que Alberto Núñez Feijóo debería evitar ser recordado (pasar á Historia é outra cousa) coma o soldado que disparou o tiro de graza contra o galego, refén das presións e chantaxes de Jiménez Losantos e outros voceiros dos cenáculos máis reaccionarios de Madrid. Amosa, así, a súa fasquía máis feble e menos fiable, escaso de coraxe, personalidade e capacidade para construir unha Galicia dona de seu e sen complexos.
O presidente da Xunta, o conselleiro de Educación e o PP de Galicia como brazo executor do sector máis integrista do PP español, conspiran e actúan contra un patrimonio inmaterial de incalculable valor. Pero están a tempo de rectificar e procurar espazos de consenso nestes momentos de grandes confrontacións porque Galicia non naceu o 1 de marzo e seguirá estando no mapa cando pase esta etapa. Xa vai sendo hora de que o Goberno galego deixe de actuar coa ollada posta no retrovisor e abandone a paranoia de lle emendar a plana a tódolos que gobernaron antes, Fraga incluido.
Voltando á semellanza coa cuestión de xénero, sabemos que en situación de desigualdade haille que dar máis a quen menos ten. Se o galego e o castelán convivisen en plena igualdade non sería preciso, pero no entanto así non sexa, hai que seguir implementando medidas que permitan a súa supervivencia e capacidade para competir –e mesmo, sobrevivir– nun contorno onde a lingua dominante é o castelán. Non recoñecelo denota, sendo xenerosos, un deficiente coñecemento da sociolingüística, ou, sendo malpensados, unha vontade absurda de empobrecer o patrimonio cultural e identitario de Galicia e de recortar dereitos xa consolidados.
Co galego, como ata hai pouco coas mulleres maltratadas, a carga da proba prexudica á víctima.