Dicía Proust que “todo o grande no mundo procede dos neuróticos” e debía ter razón xa que el mesmo, xenial escritor, era socio de honra deste selecto clube. O autor de Na busca do tempo perdido, un dos cumios literarios do século XX, padecía asma e tiña serias dificultades para prender no sono durante as noites, por iso, decidiu darlle volta ao seu ritmo vital. A xornada de traballo comezaba no solpor. Xa coa luz da lúa acariciando a fiestra, Proust esculpía con papel e tinta a súa turbia xenialidade e, igual que un vampiro de ideas, finalizaba o exilio de si mesmo coas primeiras raiolas do amencer, para fundirse no sono. Pero a neurose non remataba aí, para descansar precisaba silencio absoluto e, por iso, mandou recubrir de cortiza as paredes do dormitorio e non escoitar así o ruxe-ruxe dos serventes que traballaban para el durante o día. De todos os xeitos, o de Proust foi un caso lene, amplamente superado por outras lustrosas biografías. Quen sabe se a Señora Dalloway tería existido sen as pantasmas que, froito da esquizofrenia, abafaban a Virginia Woolf no proceso creativo e que acabarían asasinándoa nun río de Sussex. Que dicir da orella de Van Gogh. Os exemplos son infinitos, por fortuna para a humanidade e por desgracia para as vereas íntimas do que camiña. Por iso, a careta que Michael Jackson levaba tatuada na face non debería ternos sorprendido. O cativo de pel negra (porque en realidade nunca deixou de ser un cativo de pel negra) anhelaba ser outro, probablemente fuxir máis do clube dos neuróticos, que do seu propio físico; probablemente vivir sen iso que desata a imperiosa necesidade creativa, esa diáspora na procura dun mesmo, ese escalar a montaña da reflexión mentres os pés descalzos senten no chan as arestas da realidade. Crear é unha ineptitude, unha patoloxía que non padecen os homes felices, eles ostentan o privilexio de vivir sen que sexa preciso disfrazar a vida. Pero Michael, agora, á fin, será moi afortunado. Grazas á morte, volveuse inmortal; agora sen vida, vivirá sempre; agora que xa non pode crear, é un xenio. Parabéns, que gran logro, gloriosa conquista é, sen dúbida, a de converterse nun cadáver exquisito. Mais, onde estaban todos aqueles que agora te abrazan cando eras acusado de pederasta? Eses nomes insignes onde ficaban? Ti víchelos? Eu non os atopo por ningures. A morte dun ser, a descompo-sición dun corpo, o nacemento dun mito adoitan vir acompañadas dun gran acto de hipocrisía: que sinxelo resulta amar o que xa non pode ser amado porque non existe. Ou mellor dito, que gran negocio.