Que viva Honduras, país redescu-berto polos media e invocado en 2003 por Federico Trillo, ex ministro de Defensa. Fora celebrado o seu lapsus cando reclamou dos soldados salvadoreños un “Viva Honduras”. Un lapsus que o ministro corrixiu explicando que viña de Honduras e que, polo tanto, “Viva El Salvador”. O jet lag ten estas cousas e a deslocalización, nin lles conto. A confusión tiña o seu aquel porque os dous países protagonizarán en 1969 a coñecida como “guerra do fútbol”. Lembrei o sucedido entón ao abeiro do acontecido agora en Honduras, golpe de Estado e deslocalización do presidente da República, mentres aquí andamos co financiamento autonómico, que, por sorte, está lonxe dos militares, pero talvez non tanto de prácticas deslocalizadoras. A propósito do financiamento autonómico, falamos de case todo agás da falta de diñeiro. Se case sempre dispoñemos de escasos recursos para afrontar necesidades acrecentadas, xa me dirán que sucede nun escenario dominado pola crise e o paro, o volume de endebedamento público e os aumentos impositivos. Poñamos que pintan bastos e que a situación non está marcada polas expectativas de mellora a medio plazo. Constatemos que hai menos a repartir e que o reparto –no obxectivo da solidariedade– non estará exento dalgunhas desigualdades.
Se hai menos e todos precisan algo máis, haberá que ver como son asignados, no caso de Galicia, os recursos para facer realmente operativos os criterios de avellentamento e dispersión poboacional, lingua e emigración. O da lingua apunta ao galego, agora sometido ás presións e ás incertezas derivadas da aplicación dun enfoque libertario que non deixa de ter algo de liberticida. Necesitamos máis recursos para o desenvolvemento do idioma propio, que minorizamos dende o poder público. Ou é que necesitamos máis recursos para facer máis visibles as minorizacións? Non sei de que maneira as reunións de Feijóo con Chaves e Salgado permitirán “abrir unha etapa de confianza” e deixar atrás un sistema de financiamento “inxusto e insolidario”. Os subliñados proceden de expresións públicas do presidente da Xunta, pero malíciome que non deixan de ter un recendo a fume. É tentador gañar tempo como cando se fala dunha etapa, na que segundo Feijóo “pasamos da preocupación inicial á ocupación actual”. Ou cando se di que a Xunta traballará “con rigor e seriedade, sen precipitacións, para sair adiante dunha crise que non mereciamos”.
Crise inmerecida. Hai un morea de cousas que non merecemos e polo medio tivo que colarse a crise que agora obriga á Xunta a falar de plan estratéxico, de austeridade ou de choque e a promover o espírito emprendedor. O caso é que debemos andar atentos aos incumprimentos e aos agravios, alleos e propios; aos problemas que poden abocarnos a afrontar deslocalizacións varias, da lingua ou do financiamento, e a confundírmonos no momento dos vivas. Hala Celta. Visca Catalunya. Puxa Asturies. Por aquelo do jet lag negociador –como no lapsus de Trillo, manda güevos– e da perda de perspectiva. Ou da confusión de criterios. Meigas fóra. E que viva Galicia. E Honduras. E El Salvador.