É tempo de sacar as moedas do porquiño de cerámica e os céntimos do bote das propinas. Todo para contribuírmos a que os comercios tamén este ano poidan facer o seu agosto, xa que nin as esperanzas son moi boas nin as colores moi rechamantes. Parece ser que a conxuntura económica nos fará esquecer que houbo un tempo no que a xente toleaba nos primeiros días das rebaixas, as ringleiras daban tres voltas ás tendas e saían para a beirarrúa, mentres que a un dáballe tempo a tomar un xeado entre tícket e tícket e os descontos progresaban ordenadamente desde o 20 ata o 70%.
Este ano, sinalan os aventurados, non se repetirá o tira e afrouxa por unha camisa entre dúas señoras peiteadas de perruquería e retocadas con laca de 250 mililitros. Hai quen di que nin sequera haberá que esperar para pagar a camiseta azul celeste de 5,95 euros e que as dependentas terán tempo de envolver as prendas para regalo. Todo será moito máis barato, igual de bo e, ademais, aforraremos en tempo. Unha ganga, vaia.
Con todo, os comerciantes auguran perdas importantes e os petos dalgúns algo que tocar ao meter a man, amais das chaves do coche. Igual tampouco é tan negro como o pintan e se a finais de xullo aínda non está a roupa de outono nos escaparates, pois tampouco nos imos enfadar. Ao mellor por unha vez, e só por unha vez, non pasa nada porque escribamos amodo e con boa letra.