Pouco sabiamos de Honduras desde aquel “viva” extemporáneo e errático que o ex/ministro de autopsias urxentes, Federico Trillo, berrou en Irak para saudar aos militares doutro país centroamericano. Hai moitas cousas que cambian en América Latina. Desde Europa, deberiamos reflexionar sobre esa nova esquerda emerxente no continente que con idiosincrasias diversas vai accedendo ao poder en Brasil, Chile, Arxentina, Bolivia, Uruguay, Paraguay, Ecuador, Venezuela, Nicaragua e, ata hai uns días, Honduras. É curioso observar as formas desas alternativas que, para aplicar nos seus contextos respectivos medidas que serían case equivalentes ás das socialdemocracias europeas, adoptan ese discurso nalgúns casos extremadamente populista, cando non “guevarista” e mesmo próximo ao autoritarismo. O único que non cambia é a vocación golpista dos exércitos, como ben se constata en Honduras e comprobaremos con horror en días. Para que precisan eses países con tantos problemas de desenvolvemento social e económico eses exércitos tan caros, desleais e fascistas?