Xa cheiran. Os Audis e a extravagante polìtica de austeridade da nova Xunta. Xa chega de recrearse na inxenuidade de moitos galegos que creron que Touriño era unha especie de Paris Hilton enxebre con acento da Coruña. Xa basta de facernos crer que o dos coches blindados é un problema grave que require unha rápida e eficaz solución para que o mundo siga xirando e os galegos poidamos durmir a perna solta polas noites. Mentres milleiros de traballadores do metal pasan xornadas enteiras pateando as rúas, berrando e peregrinando sen obter unha resposta, mentres a lingua galega soporta os desprezos e a indiferencia dos seus supostos defensores e mentres unha morea de pais e nais se preguntan por que non lles consulturon tamén pola gratuidade dos libros de texto, o valente e aguerrido presidente Núñez Feijóo vai por libre e invita aos xornalistas a unha visita guiada polos garaxes de San Caetano para mostrar o parque móbil antes de vendelo. Esperpéntico.Triste. Infantil. Chistoso. Como as cigoñas, agochando a cabeza entre buxías, zapatas e carburadores, o flamante presidente entretén os medios de comunicación con historias sobre promesas electorais cumpridas, compromiso social e malentendidas abstinencias económicas.
Pensa o xefe do executivo galego que desfacerse de dous coches blindados será tan sinxelo e rápido como colocar en E-Bay dúas entradas para ver a Bruce Springsteen en Santiago. Cren Núñez Feijóo e os seus asesores que vender por dez mil euros un coche que comprou o seu admirado Manuel Fraga por 50.000 é unha magnífica operación que sacará a Galicia da crise. En total, malvenderá uns 25 vehículos con moita vida por diante por un desvarío electoral sen pés nin cabeza que xa dubido que aporte un voto máis, porque desta mentira tantas veces repetida xa comeron os populares dabondo. Pero se esta nova maneira de facer política social do PP baséase no consenso social a base de preguntas, consultas e enquisas, pregúntome eu, ¿a cantos milleiros de galegos que pasan penurias económicas beneficia o abaratamento do prezo das prazas de atraque nos portos deportivos? ¿Venderá tamén a residencia de Monte Pío e irá vivir a unha tenda de campaña no Monte do Gozo?