Non. As cousas non pintan ben na negociación do financiamento. Así nolo comunicou onte, 3 de xullo, a conselleira de Facenda aos portavoces dos grupos parlamentares. De nos guiar por ela, o Estado non está a acoller ningunha das demandas de Galiza: non está disposto a ponderar suficientemente a dispersión (o Goberno español ofrecería un 0,46% frente ao 1,2% que reclamaría a Xunta) e o avellentamento poboacionais, negándose en redondo a considerar a poboación emigrante como elemento de incremento do custo dos servizos. Ainda máis: o Goberno galego láiase de que o Executivo central non ofreza as cifras globais do sistema nin acabe tampouco de concretar en que medida Galiza vai ver incrementados, de ser o caso, os seus recursos financeiros.
Con todo a falta de clareza e de seriedade do Goberno español non debe agachar os erros de negociación, clamorosos, que está a cometer o Goberno galego cuxa absoluta falta de proposta e de estratexia non se pode ocultar tras do acordo de mínimos acadado no Parlamento de Galiza o pasado 9 de xuño por todas as forzas políticas. Falta de proposta porque aínda carece de estudos e simulacións que especifiquen que obxectivos pretende lograr como fruto desta negociación. Falta de estratexia porque carecendo Galiza dun novo Estatuto (o propio Feijóo se encargou personalmente de vetalo na anterior lexislatura) este handicap de partida debería compensarse coa reclamación dunhas negociacións financeiras bilaterais entre Galiza e o Estado nas que facer valer uns intereses, os nosos, que é difícil que saian ben parados no marco da negociación multilateral dun sistema pensado, non o esquezamos, para compensar ás comunidades máis dinámicas en termos de poboación. E, porén, Feijóo segue apostando pola multilateralidade e por limitar as opcións de Galiza apenas a aceptar ou rexeitar a oferta que faga o Estado, sen pór enriba da mesa a proposta de Galiza.
Feijóo debería entender que as queixas e o vitimismo non van traer os recursos financeiros que os nosos servizos públicos precisan. Caer na conta de que Galiza ten que tomar a iniciativa e formular, con rigor, unha proposta na que todos nos podamos recoñecer sen agardar polo que o Estado estea disposto a nos dar. Mais para iso é necesario confiar no país e nas súas capacidades e mostrar unha ambición de autogoberno incompatíbel co ataque diario contra a nosa lingua. E, porque non, mostrar unha coherencia da que a Xunta actual carece: non se pode reclamar máis fondos do Estado cunha man mentres coa outra se lle rebaixan os impostos aos que máis teñen.