A destrución do sistema de gratuidade dos libros de texto supón o primeiro paso nun programa de precarización e privatización que apunta, nos meses seguintes, ao transporte escolar e aos comedores escolares. Agora comprendemos as présas e a precipitación excesiva do conselleiro por pechar dunha vez, en falso, o debate lingüístico no ensino: coa enquisa acabouse a participación e a consideración ás opinións dunhas familias que agora van limitarse, co estupor da impotencia, a observar a nova estratexia de destrución do sistema público do ensino que parece estar na axenda política da consellería.
¿Onde quedou a “liberdade”? A semana pasada, nesta mesma columna, falabamos da necesidade de recuperar a liberdade social que, a través das políticas públicas democráticas, erguía barreiras e impulsaba dereitos públicos cidadáns. Velaquí un exemplo perfecto co que desenvolver este argumento.
O primeiro punto que esquece o señor Jesús Vázquez é que a estrutura do sistema educativo, con tres tipos de centros (públicos, concertados e privados) convivindo irracionalmente, supón unha división do sistema segundo un criterio de renda; co sistema público acollendo ás rendas máis baixas.
O segundo punto, é que outras políticas públicas postas en marcha, como a de comedores, achegan datos á administración sobre as rendas familiares que supoñen, ademais, un barómetro a partir do cal avaliar o grao de inclusividade da medida. ¿Porqué a consellería oculta estes datos e os cálculos realizados, que deberían demostrar a súa presunta solidariedade e progresividade?
E o terceiro punto é que mentres o sistema de gratuidade, tal como estaba concibido, tiña un custo de execución relativamente contido, o modelo de subvención por tramos acrecenta, debido á súa complexidade e elevados requisitos administrativos, o investimento necesario tan se queira para poñelo en marcha.
A estes puntos podemos sumarlle a falta de escrúpulos para ningunear ás familias. Xa postos a facer enquisas, ¿que tería costado, no mesmo cuestionario, incluír preguntas sobre o sistema da gratuidade dos libros de texto, o sistema de comedores, o transporte público ou outros temas de preocupación para as familias? Non se fixo, simplemente, porque non interesaba. Como tampouco parece interesar o garantirlle ás familias en risco socioeconómico o pagamento dos libros de texto dos seus fillos.
O único positivo de todo isto é que serve para poñer en claro o interesado desa presunta “liberdade” da que lle tanto gustaba sacar ao conselleiro Vázquez.
O sistema da gratuidade dos manuais, ao absorber o Goberno o custo dos libros, liberáballe ás familias unha cantidade significativa de cartos para investila na cobertura doutras prioridades. No actual contexto de crise e desaceleración, cando máis prioritario é ese investimento, o Partido Popular deGalicia decide devolverlle todo o peso daquela carga ás familias. Iso, ademais, mentres se afirma que se buscan diminuír os ingresos autonómicos e, con esa decisión, diminuír o investimento empezando, claro, polas políticas de cohesión social e axuda á dependencia.
¿Qué liberdade é aquela que se posúe e exerce sen a garantía previa da dignidade persoal e social? Segundo Isaiah Berlin non existe liberdade sen xustiza, e non é xusto carecer dunha dignidade. Este é o momento de recuperarmos o concepto de liberdade asociado ao empoderamento do individuo e dos grupos da sociedade civil. O momento de darlle un novo impulso á responsabilidade e á transparencia dos poderes públicos (por certo, ¿cando imos volver ver o salario dos altos cargos na rede?). Ese é o camiño para unha verdadeira liberdade: real, extensiva e inalienable para calquera persoa, independentemente da súa condición social. O demais son contos.