Dende despachos de luxo asiático e desenfadado no no gasto protocolario feito con pólvora allea, sisudos ilustrados que repoñen o acrónimo FUNCAS, (non de fungar senón de Fundación das Caixas de Aforros) eructan sentenzas lapidarias sobre a nosa xubilación. Salarios e dietas suculentas, convencemento de posuír o monopolio da verdade, manexo arbitrario de depósitos millonarios, son elementos que fornecen o animo dos ilustres pensadores “funquistas”. Afeitos a impoñerse nun sistema financeiro cuxos erros e frivolidades poñen as nosas vidas patas arriba sen que comporte maior risco para os culpables, pontifican sobre o remate da vida laboral de millóns de cidadáns. Ditaminan os 70 anos... Xa postos, porque non 75 ou 80 por redondear... As desfeitas das prexubilacións con 50 anos ou menos, útiles para desfacerse de salarios decentes e contratar xoves con xornais de fame ou casar contas de resultados esnaquizadas por xestións nefastas, contou co silencio cómplice como pauta. Vaites, agora resulta que lle sae mais a conta “foderlle” os derradeiros anos de lecer a quen leva corenta ou mais anos cotizados. Arrastrar un fato de anos máis cara o posto de traballo a uns traballadores que non viaxan en auto pagado por institucións que naceron como benéficas e piadosas. Que non dispoñen de despachos enmoquetados, nin teñen canonxías mil que tan confortantes son para ditaminar sobre o que deben soportar os demais... Xogar coas pensións era hábito dos políticos en calendas electorais. Agora tamén préstase para as “funcadas”. É vexatorio que alguén que tan mal fixo os seus deberes teña a desvergonza de meterse a despoxar dos seus dereitos a quen os gañou co seu traballo e cotización día a día, en vez de amañar as súas barbaridades. Por vía de exemplo poderían suxerir a desaparición das Caixas ao non respostar xa a ningunha das claves que foron a súa razón, manténdose como armazón anacrónico e competencia desleal no sector. De sempre, o camiño doado e asoballar ao asalariado. Dificultades financeiras, recorte de salarios e despedimento libre. Facenda quere facer caixa, presión sobre as rendas con nómina. Un atranco financeiro... traballo até os oitenta se é necesario... E por certo, recórtenlle as pensións aos vellos... Por non necesitar, xa nin viagra necesitan.