Se de moitas cousas carezo de coñecemento, a economía gaña por goleada. Porén, para sortear esta eiva teño unha ilustre ferramenta: o sentidiño. Esta semana confirmaron a sentenza de 150 anos de cárcere para Bernard Madoff, cualificado como o culpable da maior estafa financeira da historia. Xunto a isto, un titular alerta “Os executivos que causaron a crise regresan para controlar Wall Street” e outro recolle as palabras de Robert Pollin, asesor de Obama: “En Wall Street non botaron a ningún executivo, haberá máis casos Madoff”. Esta crise que nos ocupa, a diferenza doutras anteriores, ten na súa faldriqueira o dubidoso mérito de que os seus causantes vaian para casa con indemnizacións millonarias e sexan recontratados por sumas de vertixe. No outro extremo, os obreiros -último elo da cadea económica- ven como lles quitan a súa casa por falta de pagamento, como a prestación se esgota, como o paraugas da crise pretende servir de escusa para que os ricos sexan máis ricos e os pobres máis pobres. Non, xa non cola. A esta crise sóbralle demagoxia e fáltalle sentido común.