Dicía Groucho que tal vez fose máis doado meter o camarote no baúl ca o baúl no camarote, o que me recorda o baile de declaracións que nos está a ofrecer o debate sobre un novo sistema de financiamento autonómico.
O goberno de España desconcerta aos negociadores autonómicos cunha de cal e outra de area pero anticipa negros horizontes para Galicia sen conseguir impresionar aos socialistas de aquí que apoian, sen fisuras, a posición da Xunta. Na outra banda, os dous grandes feudos populares, Madrid e Valencia, están encantados e mesmo apremian para que se peche o novo modelo antes do día15, ignorando a recomendación de Cristóbal Montero, voceiro de economía do PP español, de non secundar as propostas de Elena Salgado porque a caída dos ingresos tributarios nas comunidades fai preferible o modelo vixente, que ademáis non impediría, en negociacións unilaterais, que as comunidades autónomas se aproveitasen dos recursos adicionais que prevé o novo sistema.
En Galicia a proposta baséase na dispersión, o envellecemento e a emigración, alén da lingua propia. A dispersión, por exemplo, chega a confundirse coa emigración: unha expansión que atravesa océanos e continentes, chegando a computar a máis de 300.000 galegos residindo fóra. Este feito diferencial é decote incomprendido e mesmo repudiado por quen vivimos na Galicia territorial, pero a utilización do dato axuda a visibilizar unha realidade que só sae á luz en períodos electorais, e case sempre, negativamente. Galicia ten, se facemos ben as contas, máis de 3 millóns de cidadáns aos que atender e escoitar nas súas demandas e necesidades, porque todos, tamén os que viven fóra, temos recoñecido ese dereito cando mantemos a cidadanía. Así o consolida o Estatuto da Cidadanía Española no Exterior que contempla que as Comunidades Autónomas se ocuparán daqueles dos seus cidadáns que residan estable ou temporalmente noutro país, ben porque eles ou os seus pais (nalgúns casos, os seus avós) emigraron, sofriron o exilio, ou seguen saíndo fóra por razóns laborais, de estudo, ou de calquera outra índole.
A seguinte idea forza é a do envellecemento porque temos un 22% da nosa poboación con máis de 65 anos cando a media española está no 17%. A lexislación tamén apoia esta petición pois o cumprimento da Lei de atención as persoas dependentes -aínda tan pouco desenvolvida- obriga a incrementar o gasto para o coidado dun sector de poboación que comparte, moi a míudo, a situación da vellez coa da dependencia.
Por último, o argumento de que Galicia ten unha lingua de seu, verdade onde as haxa, resulta algo grotesco mesmo sendo tan necesario, por razóns que non precisan comentario. Que unha Xunta que se caracteriza pola súa incomprensión e desleixo coa nosa realidade lingüística, teña que se apoiar nela para conseguir cartos, non deixa de ter o seu morbo.
Mália todo, o que verdadeiramente me preocupa non é o cruce de pontos de vista discrepantes que veñen a confirmarnos como unha sociedade plural e heteroxénea con realidades diferentes, senón a recente confesión de Núñez Feijóo de que “a posibilidade de non firmar o acordo de financiamento está máis presente ca nunca”. Prefiro o escenario grouchiano ca o pesimismo de Sartre cando dicía que, coma tódolos soñadores, confundira o desencanto coa verdade.