Existe unha forte contradición entre o discurso de Rajoy e Feijóo sobre a “austeridade” e as posicións de ámbolos dous no tocante ó financiamento autonómico ou ós investimentos do Estado en Galicia. Empezarei pola austeridade; a dereita sempre foi sibilina no uso das palabras. Agora empregan este termo como si o descubriran eles, como si fose a clave de toda unha teoría política, a explicación do paro, a solución á crise. Emprégano para describir unha política de redución do gasto público fronte á política de “malgasto” de Zapatero. Iso si, nunca din nin en que partidas reducirían, nin que farían có aforrado, nin ata onde acadarían os recursos para resolver a crise.
Home, isto do gasto xa se sabe, cada un establece as súas prioridades, e estes dous, Feijóo e Rajoy, foron os que decidiron iniciar a Cidade da Cultura ou levar as nosas tropas a Irak, para eles eran “prioridades de gasto”. No fondo, este novo discurso só pretende levar adiante, con outro envoltorio, a mesma política económica que nos levou á crise: “menos Estado e máis mercado”. Neste intre esta soflama soa mal, por iso son necesarios novos termos para seguir xustificando as políticas da dereita de sempre.
E estes que reclaman austeridade cunha man, coa outra esixen máis gasto. Montoro pide que se aprace o acordo sobre financiamento autonómico para non subir o gasto mentres as súas comunidades autónomas piden máis cartos, e ó final resolven o espectáculo coa abstención de tódalas comunidades do PP ao novo sistema. Ao meu entender, lonxe de saír do entorto, queda en evidencia unha posición partidaria que deixa aos cidadáns en segundo plano. Non pode ser que o novo sistema sexa bo para tódalas comunidades do PSOE e malo para as do PP. Madrid, Valencia e Cataluña teñen as mesmas características e saen beneficiadas pola poboación. Estremadura, as dúas Castelas e Galicia comparten e benefícianse do envellecemento e da dispersión. O razoable sería que o PP concretase cales son, ao seu entender, as eivas do novo modelo indistintamente de a quen beneficie e á marxe de xeneralidades como que “son antisociais”, pero esta posición de “colle os cartos e corre” non é seria.
O mesmo ocorre cos investimentos en infraestruturas. O Goberno de Feijóo percorre o territorio galego recortando investimentos que tiña comprometidos o Goberno de Touriño; a depuradora en Vigo, os hospitais de Vigo e Pontevedra, a depuración da marxe sur da Ría de Ferrol, etc. Argumentan os recortes por un “furado nos ingresos” , que venche sendo que por mor da crise recadamos menos impostos. Pero suponse que ese furado nos ingresos non será só galego, tamén lle sucederá o mesmo ao Goberno central, pero, velaí que a este esíxelle ao mesmo tempo austeridade e máis investimento, e para maior escarnio tamén rebaixas de impostos.
Menos mal que fronte a esta morea de contradicións o Goberno de Zapatero está a facer unha política de Estado profundamente autonómica, comprendendo que as comunidades autónomas son Estado, que necesitan un financiamento superior ao que tiñan có modelo pactado entre o PP e CIU, e tamén uns investimentos do Estado que reequilibren as dotacións en infraestruturas.
Galicia mantén un financiamento por enriba do seu peso económico e de poboación, o Estado investirá no AVE 4.000 millóns de euros, e temos que aproveitar isto como unha oportunidade. Non podemos culpar sempre a España e a Europa dos nosos males, temos recursos económicos e políticos propios suficientes para ser donos do noso futuro e dende a Xunta teñen a responsabilidade de empregalos eficazmente para o ben de Galicia.