O presidente da Xunta bañouse en galeguismo durante os días máis achegados ao 25 de xullo, a festa de Galicia. Foi entón cando Núñez Feijóo aparentemente disipou calquera dúbida sobre a posibilidade de que o novo decreto sobre o galego segregara aos rapaces por razóns de idioma. Pero chegou agosto. Neste mes, a opinión pública e o combate político se relaxa, o que ás veces algúns políticos aproveitan para tomar decisións de calado -as eólicas- ou para recuperar debates que non interesaban noutras datas máis sensibles, caso da separación dos alumnos. Agora, Feijóo segue sen estar a favor dela, pero só cando esa división é total, non parcial. Algo semellante suxiren os responsables de elaborar o novo decreto dende a Consellería de Educación. Segundo o presidente da Xunta, deles depende a decisión. E xa manexan a posibilidade dunha segregación mixta ou light, limitada aos primeiros tramos do ensino, onde os partidarios do castelán son máis notorios, que non maioría. Non obstante, é igual como a vistan. Sexa total ou parcial, calquera decisión que divida aos nenos galegos pola súa lingua converterase nun disparate educativo, un aberrante ataque á convivencia e un insulto ao máis fondo da identidade galega.