No debate sobre as caixas son moitas as voces que se escoitan aínda que boa parte delas teledirixidas en exclusiva ao asunto das fusións e, case sempre, para postular a súa inevitabilidade. Eu, desde a perspectiva dos intereses xerais e non dos lobby’s de interese, propoño un debate no que se fale dos asuntos clave.
Primeiro, ¿cal é a situación financeira real de cada unha delas e as perspectivas para os vindeiros meses?,¿que perspectivas de solvencia a curto prazo e de viabilidade a medio? Segundo, ¿que responsabilidades teñen os actuais directivos nas decisións que levaron á delicada situación actual das mesmas?, ¿cómpre poñer en marcha unha renovación urxente das equipas que piloten un proceso de saneamento e reestruturación? Terceiro, ¿debe o goberno galego seguir de espectador a espera de que Madrid dicte a estratexia?, ¿canto vai tardar en facer uso das súas competencias e obrigas estatutarias de velar e garantir a solvencia e estabilidade das nosas caixas? Cuarto,¿cal ha de ser a estratexia de política crediticia e de participacións das caixas de cara o futuro?, ¿ten de primar o negocio financeiro nos mercados foráneos ou o apoio ao investimento do tecido empresarial galego/en Galicia? Quinto, ¿que estilo de dirección e rendición de contas á sociedade?, ¿poden as caixas xogar a urdir alianzas empresariais e mediáticas para tumbar e poñer gobernos? Sexto, ¿que tipo de actividades han ser prioritarias na Obra Social?, ¿ten que seguir sendo unha peza máis do marketing e da oferta cultural para a clase acomodada ou ten que “pringarse” cos que teñen máis carencias?
Unha vez que teñamos esclarecido todo o anterior pasaremos ao sétimo, ¿é mellor para Galicia optar pola fusión das dúas caixas ou facer o posíbel por manter as dúas? Estrambote: non podo nin imaxinar que o goberno galego chegue a autorizar absorcións por entidades foráneas