Unha das máximas de Salvador Sánchez Povedano (‘Frascuelo’), toureiro nacido en Churriana de la Vega nun bretemoso 1842, era “santificar la fiesta española”, referíndose obviamente o matador ao espectáculo taurino que xa un Jovellanos ilustrado consideraba no seu día como unha mostra do atraso español. Don Antonio Machado, lembrarán vostedes, escribiu aquel poema de alento modernista titulado “El mañana efímero” —dedicado, por certo, a Roberto Castrovido, deputado madrileño por Alianza Republicana e de clara resonancia galega no apelido— onde fala dunha “España de charanga y pandereta,/ cerrado y sacristía,/ devota de Frascuelo y de María (...)”. E, versos despois, matiza o poeta: “Esa España inferior que ora y bosteza,/ vieja tahúr, zaragatera y triste;/ esa España inferior que ora y embiste (...)”. Talmente. E menos mal que o autor de Campos de Castilla, grandísimo poeta, era un patriota e nacionalista español; iso si, republicano. ¿E por que digo todo isto? Pois, disimulen os lectores, porque a España de ‘Frascuelo’ segue a estar presente entre nós; “vivita y coleando”, por acudirmos a esta expresión popular española de orixe seguramente canina. E non me refiro, non, neste caso, á devoción frascuelana que aínda palpita —puro reflexo vazquista— en determinadas capas do solar político coruñés. Quero falar agora desa gran líder democrática per se que é Esperanza Aguirre y Gil de Biedma —ah, o apelido que fixo brillar o poeta de Moralidades—, condesa consorte de Murillo, esposa de Fernando Ramírez de Haro y Valdés (Grande de España) e sobriña do conde de Sepúlveda, Javier Gil de Biedma y Vega de Seoane. Este ano a presidenta da Comunidade de Madrid, bautizada Fuencisla de segundo nome, foi a encargada de pronunciar o pregón das festas de Sepúlveda, coñecidas tamén como dos “Santos Toros” (¡Ai, ‘Frascuelo’!), e houbo, como non, proclamación da Raíña das Festas, acompañada das súas “damas de honor”, e un prato tradicional: os chamados “encerros infantís”, que hai que educar na barbarie dende cedo. A xefa do Executivo de Madrid fixo no seu pregón un canto nacionalista español, nun momento no que “algúns queren facer das peculiaridades rexionais elementos de separación ou de querelas”, e eu lembrei —asociacións curiosas entre touros e política— a gran deusa do transfuguismo, aquela que existir existe, e aqueles dous nomes inmortais do particular santoral madrileño, Eduardo Tamayo e María Teresa Sáez, que levaron ao altar autonómico da Villa y Corte, pola porta falsa e en grao de oficiante suprema, a unha muller que é mesmo a encarnación chulapona dunha Margaret Thatcher. A consigna de ‘Frascuelo’, en definitiva, segue vixente e Machado segue acertando con “esa España inferior que ora y embiste”.