Xa a humanidade se vai afacendo —confusa, pasiva e resignada— a isto do negocio das gripes. A gran industria farmacéutica transnacional ten problemas financeiros —quere gañar máis e máis e sempre máis— e entran en escena, tinxidas de sospeitosa arte interpretativa, as gripes. ¿Lembran vostedes o que aconteceu coa chamada gripe aviaria? A Organización Mundial da Saúde, unha entidade cada vez máis desprestixiada —e iso non é bo: é triste—, chegou a “precisar” no seu día —en clave de advertencia, enténdese— que o número de persoas que poderían morrer por un eventual andazo de gripe aviaria humana podería chegar aos 7.4 millóns. Reparen vostedes na dramática precisión. Porque a propia OMS tivo que recoñecer pasado o tempo, convén tamén lembralo, que entre os anos 2003 e 2009 só houbo en todo o mundo 272 mortes causadas pola chamada gripe aviaria, que tanto medo de deseño interesado provocara no mundo, con todos os medios de comunicación a acenderen luces vermellas diante da crónica da nova peste anunciada. ¿Houbo dimisións no seo da Organización Mundial da Saúde? ¿Foi investigada tamaña frivolidade e grao de erro nas previsións dun organismo que é nada menos que a autoridade directiva e coordinadora da acción sanitaria das Nacións Unidas? Agora resulta que a OMS, a través da súa directora xeral, Margaret Chan, acaba de “predicir” unha segunda ou mesmo unha terceira vaga de virus da gripe A no planeta, e a directora da OMS para o Pacífico occidental, Shin Young-Soo, non dubidou en advertir de que a maioría dos países poderían ver como os casos de gripe A “se duplican cada tres ou catro días durante varios meses” (textual). Fagan vostedes as contas. Ou dito doutra maneira, a OMS baralla a seguinte realidade: máis de 2.000 millóns de persoas poderían contaxiarse durante os próximos dous anos, o que significa que unha terceira parte da poboación mundial acabaría por se ver afectada. Xulguen vostedes. ¿Estará no certo agora, neste segundo gran acto gripal, a OMS? O alto organismo sanitario mundial alerta, fala mesmo dunha posíbel “explosión” de casos gripais, e determinadas empresas farmacéuticas —véxanse, por exemplo, GlaxoSmithKline, Roche, Novartis, Baxter e Sanofi-Aventis— venden miles de millóns de euros en vacinas contra a gripe, adquiridas obedientemente polos Gobernos e Estados de medio mundo. Mais vexamos. Se realmente é tan grave a situación creada pola gripe A —e aínda máis pensando nunha segunda ou terceira vaga mortíferas, e sobretodo nos países pobres—, ¿por que non se leva a cabo un proxecto urxente para producir os medicamentos antivirais xenéricos, universais e de balde para todos? ¿Alguén propuxo isto na Unión Europea? A humanidade no seu conxunto ficaría moi agradecida.