Ten lugar en Ciudad Juárez, cidade do Estado mexicano de Chihuahua, a V edición do Encontro Internacional de Escritores denominado ‘Literatura en el Bravo’, título este que fai referencia ao río Bravo do Norte, como lle chaman en México, ou río Grande, como é coñecido nos EE UU. O río Bravo –lembrarán vostedes o western do mesmo nome dirixido por Howard Hawks– fai de fronteira entre as cidades de Juárez e El Paso (Texas), e non está mal elixido o símbolo do río –a vida que flúe– para celebrar un encontro coa palabra dos escritores e sobretodo dos poetas, altamente representados estes últimos no festival juarense. Cando un chega a Ciudad Juárez proxecta de xeito inmediato na memoria e no pensamento a realidade da violencia que sofre día a día unha cidade que non está lonxe dos dous millóns de habitantes e que é coñecida universalmente polos crimes –unha media de 13 asasinatos diarios nos últimos tempos, asociados a maioría ao narcotráfico– que se producen no seu amplísimo espazo urbano. Mais dende hai máis de unha década a desaparición e o posterior asasinato de seres humanos, particularmente de mulleres, ten desencadeado unha preocupación non só local e nacional senón tamén internacional. ¿Que acontece realmente en Juárez? Ao mesmo tempo que esta cidade mexicana posúe un carácter hospitalario e unha particular sensibilidade cultural –velaí, por exemplo, as súas activas universidades–, ofrece serios problemas de seguridade e, digámolo así, de gobernabilidade. O narcotráfico forma parte xa do entramado da cidade e o Goberno de Juárez tense mostrado a todas luces incapaz de combater a violencia, tantas veces extrema, que xera esta actividade, guerra entre cárteles da droga incluída. Así é que o visitante percibe non só a militarización da cidade, decidida polo Goberno central mexicano –o Exército patrulla as rúas (máis de 8 mil soldados) e vixía a cidade dende o ar con helicópteros armados–, senón tamén unha alteración da vida social na cidade mesma, algo que se pode percibir no carácter particular dalgúns juarenses –necesitados de explicar ansiosamente o que pasa ou o que non pasa– e, por outra banda, no ritmo esmorecido da urbe, por veces afectada por unha sorte de dramatismo que chega a se converter nunha inexplicábel, expresémolo así, anguria muda. Eu teño percibido todo iso en Ciudad Juárez. E tamén teño percibido algo que expresou no seu día con gran acerto o poeta colombiano Juan Manuel Roca, bo coñecedor da violencia en Medellín: a necesidade de “non desalentarse e procurar na creatividade unha sorte de resistencia espiritual”. O Encontro Internacional de Escritores en Juárez, todo un paradigma de acción cultural, é tamén un acto de resistencia nunha cidade que debe atopar o camiño da paz.