Cando o xuíz da audiencia nacional, Baltasar Garzón, tras a aprobación da Lei de Memoria Histórica, iniciou unha investigación sobre os asasinados, desaparecidos e enterrados en foxas comúns a partir do golpe de Estado fascista que deu paso á Guerra Civil e á ditadura do xeneral Franco, produciuse en todo o Estado español un gran alivio moral entre os que somos demócratas racionais e de corazón. ¿Pode un Estado democrático como o español, a estas alturas do século XXI, ignorar as vítimas do terrorismo franquista? Se en España se produciron crimes contra a humanidade e contra o Dereito internacional —toda a serie de crimes perpetrados entre os anos 1936 e 1976—, é de pura xustiza levar a cabo a rehabilitación dos dereitos das vítimas saíndo á luz toda a verdade contra o silencio e o esquecemento e devolvéndolles a dignidade a todos os que padeceron a violencia franquista. Só na cidade de Valencia as foxas comúns, lembremos este dato, ocupan unha superficie de 41.020 metros cadrados, “as máis grandes da historia europea do século XX”, tal como recoñecen os especialistas: 24.529 corpos humanos recoñecidos con nomes e apelidos en pouco máis de 5 anos de investigación. E volvendo a Baltasar Garzón, eu lembro unhas declaracións de José Antonio Martín Pallín, maxistrado emérito do Tribunal Supremo, nas que dicía que coa posta en marcha das investigacións sobre as desaparicións durante a Guerra Civil e o franquismo, o xuíz estaba a lle prestar “un gran servizo histórico a España”. Segundo Martín Pallín, fillo dun militar franquista, os españois de hoxe non deben transmitir ás futuras xeracións esa “perenne doenza de non querer saber e descubrir a verdade”. Sabias palabras estas. Mais a preocupación pola verdade, pola memoria e pola xustiza continúa. A ultradereita organizada baixo os nomes “Manos limpias” e “Libertad e Identidad”—vaia sarcasmo nos títulos que se dan a si mesmos— presentaron unha querela contra Baltasar Garzón e o xuíz que a admitiu a trámite como poñente, cousas da vida, fíxense vostedes, é un entusiasta defensor de Pío Moa, forma parte do padroado da “Fundación para la Defensa de la Nación Española” e mesmo chegou a asinar un manifesto contra a Lei de Memoria Histórica.
Non cabe dúbida de que o xuíz Baltasar Garzón está hoxe no “punto de mira” da extrema dereita española, nostálxica do franquismo, mestra en todo tipo de infiltracións e cada vez máis virulenta no uso da linguaxe. Os demócratas hoxe, neste contexto político que mesmo lle afecta ao Tribunal Supremo, debemos estar moi atentos, cada vez máis atentos, para defendermos a verdade, a xustiza e a liberdade. Por algo Pío Moa e Stanley Paine, outro que tal “canta” na extrema dereita, ven en Garzón un “anti-xuíz”. Perenne doenza do franquismo que revive aquí e agora.