A Xunta de Galicia está levando a cabo o desmantelamento dos proxectos tecnolóxicos vinculados á sociedade da información, que impulsara o Goberno bipartito na pasada lexislatura. En total, 120 persoas –do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre (Mancomún), da Fundación Calidade e de proxectos de investigación e desenvolvemento–perderán o seu traballo a finais de ano, segundo denuncia a CIG. "Trátase dun despedimento masivo cando en todas as partes se está apostando polo fomento da I+D; a Xunta, en cambio, despide a todo o cadro de persoal", explica Manuel Gallardo Canitrot, secretario nacional de CIG Administración. Pola súa banda, dende a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, da que dependen todas estas iniciativas, limítanse a responder que, de cara ao ano 2010, todos este proxectos "serán adaptados ás liñas estratéxicas" do departamento e manterán a súa vixencia, aínda que non precisan como lles van afectar estes cambios.
A Unión Europea relanzou recentemente a Estratexia de Lisboa para o crecemento e o emprego, resaltando a I+D+i como unha peza central. Se xa son extrañas as reaccións da Xunta ante outras iniciativas postas en marcha polo bipartito para o progreso e modernización de Galicia, esta supresión de empregos nos departamentos de innovación da Administración galega sorprende aínda, sobre todo tendo en conta que a I+D+i non atinxe a cuestións ideolóxicas ou partidarias. Unha aclaración ou unha maior precisión por parte do conselleiro de Industria, Javier Guerra, contribuiría a non crear alarmismos e preocupacións innecesarias.