Non sei se será a crise. (Dinme que a crise non, que hai síntomas de que recuperamos. Zapatero está totalmente convencido, desde que foi á Casa Branca). Entón, quizais sexa o feito de ver moita tele, ou este tempo de outono que, aínda que comeza fóra de sazón (un verán prorrogado), augura un inverno longo e gris, de días curtos e noites interminables, coma todos os invernos. O caso é que me sinto raro. Vou perdendo o meu connatural bo humor co que me vin rindo dun acontecer que ben dá para chorar a quen o tome en serio.
Teño todos os síntomas da depresión outonal, asegura a miña muller, que profesa a psicoloxía e sabe moito do comportamento humano. Está claro. O meu é un trastorno psicosomático estacional que me produce irritabilidade.
Poño o grito no ceo por calquera cousa. Por exemplo, cabréame oír falar a Feijóo de que anda na procura dun “urbanismo áxil”, despois de asinar un protocolo coa Federación de Municipios. O presidente comprometeuse a revisar a Lei do Solo e redactar outra que lles permita aos concellos meter máis baza. ¡Qué espanto! ¡Outra vez o urbanismo da man dos alcaldes! Tamén me pon coma unha moto a denuncia que fai Pilar Farjas de que o Goberno de Touriño (o bipartito veu substituír o “sacauntos” no papel de “metemedo”), tiña gardado no caixón preto de vinte mil expedientes sanitarios sen tramitar. Solicitudes de citas médicas que non se rexistraban nas listas de espera. ¡Como no me vou sulfurar! Sospeito que nese caixón estaba tamén a miña. ¿E que dicir de que nos leven as conserveiras para Guinea Papúa? ¡Me cago en tal! Europa vainos arruinar. E onte, para colmo de males, oio a Rajoy dicir que sobe o IVE das “chuches”.
Non sei se aguantarei este outono sen volverme un tolo furioso. A non ser que me ateigue de bocatas de serotonina, que é a hormona que regula os estados de ánimo. Ata o de agora eu tiña moi equilibrados os niveis desta substancia neurohormonal, que din que actúa sobre o sistema parasimpático. De aí, sen dúbida, a miña reputada simpatía. Era un home calmo, nada me sacaba dos meus estribos, tiña alta a autoestima e, aínda que, en tempos de crise soe soberbio dicilo, considerábame afortunado. Pero a depresión outonal tenme confuso e revirado. Din que é un trastorno máis frecuente e grave naqueles países escuros, onde hai pouca luz. E eu observo aquí tan poucas luces que teño medo a non recuperarme.