Os primeiros 17.000 folios da instrución xudicial do caso Gürtel descobren unha paisaxe dominada por augas negras ou fecais, que outros dan en chamar cloacais. Puro estercorario a escenografía, con vistas ao horizonte aínda, se cabe, máis fedorentas; astracanada, en suma, indigna mesma dun Muñoz Seca que compuxo títulos como “Anacleto se divorcia” ou “La orgía dorada”. Porque no caso Gürtel, en Gürtelandia, en definitiva, vemos buligar ou fervellar personaxes ben singulares e rechamantes, entre a estética mazadora —lean “pija”— dun Ricardo Costa e un Álvaro Pérez ,“El Bigotes”, parente de Andrés Pajares, casado cunha ex “mamachicho” e home de traxes á medida, puro habano e colección privada de motocicletas. O cineasta Santiago Segura asegurou que todo isto do gürtelismo lle lembraba o “torrentismo”, en referencia á personaxe de Torrente, o detective facha e corrupto, casposete e desastroso, que quere simbolizar, disque, unha forma da actual picaresca española. Mais velaquí que no Gürtel, no paraíso privado de Gürtelandia, terra de sainete e rosario de tipos grotescos, emerxe a figura de Francisco Correa, suposto líder da trama, a quen lle gustaba que o chamasen Don Vito; en homenaxe, suponse, ao gran xefe da mafia siciliana que tan ben tratou no celuloide Francis Ford Coppola. Francisco Correa, requebrado, campichán e gavacho, non había máis que velo, coincidiu na voda imperial de Anita Aznar co mesmo Silvio Berlusconi en persoa, e os dous asinaron como testemuñas do casorio diante do ollar agradecido de Alejandro Tarik Agag, xenrísimo de Aznar. E xa ven vostedes, estamos en Gürtelandia, patria fecal das caixas B, territorio onde todo se amaña a golpe de suborno e comisión, teatro de esperpento barato e os seus actores de alfombra e brillantina, a España da pelotada —lean “pelotazo”— con destino no universal, patio de pícaros e galopíns e furavidas, mañosas personaxes dun tardofranquismo que fede que alcatrea, aferrados á teta obscena dun poder que é pura compangada e untadura, cortello para a enxagoadela e o bochecho entre uns e outros e tantos. Esta é a Gürtelandia que aquí rouba e reza, señores. E as augas negras ou fecais, que outros dan en chamar cloacais, avanzan e non se deteñen. ¿Alguén, aí dentro, no castelo, dirá algo? Fede que alcatrea en Gürtelandia e o presidente Camps, o que quería a foto con Obama, asegura que no PP “nos apoyamos todos, que es lo importante, estamos todos muy contentos, y eso es muy bonito”. ¿Hai alguén no castelo? Reina o silencio e o silencio mesmo comeza xa a feder.