As 25.000 persoas que A Mesa pola Normalización Lingüística conseguiu sacar ás rúas da capital de Galicia o pasado 17 de maio serán hoxe a referencia da plataforma ‘Queremos Galego’ para calibrar o poder de convocatoria dunha manifestación que, desta volta, conta xa, antes de iniciarse, co apoio de case 500 colectivos e máis de 3.000 adhesións a título individual. Co rexeitamento ás “políticas regresivas” do novo Goberno da Xunta cara á lingua propia como argumento esencial, o colectivo realizaba onte unha chamada a “constestar civicamente” o que, supón unha “política galegófoba” levada adiante polo Executivo de Feijóo.
Esta será a segunda protesta de gran envergadura desde que o PPdeG accedeu á Xunta de Galicia tras gañar as eleccións do pasado 1 de marzo. Esta mobilización ofrecerá tamén unha imaxe inédita na presente lexislatura, como é a participación conxunta nun mesmo acto reivindicativo dos líderes das forzas da oposición parlamentaria. Así, Pachi Vázquez e Guillerme Vázquez enncabezarán senllas delegacións de PSOE e BNG.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, empeza a quedarse só ante a aplicación dunha política lingüística que non ten precedentes na Galicia autonómica. Até a chegada de Feijóo á dirección, o PPdeG nunca cuestionara o espírito do artigo 5 do Estatuto de Autonomía. A consideración do galego como a lingua propia do país e o recoñecemento do dereito a usala en réxime de cooficialidade co castelán significaron en 1981 dúas conquistas históricas para a lingua. O que permitiu que fosen logo gobernos da dereita os que desenvolvesen este novo marco legal foi o amplo acordo no que se sustentou a defensa da lingua. Ese é o consenso que está roto nestes momentos e que a sociedade civil quere recuperar.
A manifestación do Día das Letras marcou un punto de inflexión que fixo remover a sociedade. Froito diso é a manifestación de hoxe, pero tamén o é a aparición de novas plataformas cidadás que se crearon en defensa do galego. Por todo isto, este domingo hai unha cita importante en Compostela. Se houbo unha consecuencia positiva de todo este proceso foi a de evidenciar un conflito e interpelar aos falantes. É necesario manter unha postura contundente para que o Goberno actúe con responsabilidade.