Desde hai tempo é corrente escoitar a afirmación de que os galegofalantes pretenden impoñer o uso do galego, e os que tal din poñen como exemplo a presenza do galego na escola. Quizais as persoas belixerantes en contra do galego queren dicir que, polo feito de existir os galegofalantes, eles non poden exercer o seu dereito a ignorar a existencia do galego.
Cando escoito semellantes cousas sempre recordo a pintada, e a xenial contrapintada, que durante anos destacou nos muros da escola de Estudos Empresariais da Coruña. A pintada orixinal dicía así: “El gallego es una imposición fascista”. O corrector escribiu unha coma e un “no” sobre o muro para darlle a volta á mensaxe, e a pintada quedou como segue: “El gallego no es una imposición, fascista”.
Eu, particularmente, penso que a única imposición que existiu aquí foi aquela outra, hai anos, cando o galego estaba proscrito da escola e de calquera outro ámbito que non fose o familiar. Se hai que chamar as cousas polo nome, iso era unha imposición. Restituír o galego na escola alén do mero estudo da sintaxe, como lingua viva e vehicular, é un acto de xustiza. Porque o galego non é unha lingua morta como o latín, e os rapaces teñen dereito non só a coñecelo, senón tamén a usalo. Negarlles ese dereito significa impedirlles coñecer a lingua que, antes deles, falaron todas as xeracións que viviron neste lugar.
Eu, a todos os que pretenden arrombar co galego como fan con trebellos inútiles, dedícolles os versos de Ramón Cabanillas:
“O arte, nos salóns, apesta a rancio
os xornais impréntanse en Bizancio
e a Chelito meteuse a gran señora.”