Non hai moito que lin un artigo periodístico que, para tomar partido en contra da lingua galega, afirmaba que había que chamar ás cousas polo seu nome e, no caso do topónimo, se lle deixara a ese artigo converterse no topónimo da cidade e así sería sempre “La Coruña”.
Ben, non coido que sexa hora de reducir a un só caso o asunto da toponimia xa que isto abarca toda Galicia, pero si que vai sendo hora de lle chamar polo seu nome a quen pretende bater contra do nome galego da cidade con outro nome que, tan só cambia o artigo que debe xuntarse co nome galego. O nome que se merece esa oposición ante dúas linguas será o de falsidade xa que a incorporación do artigo á denominación oficial da cidade, “Coruña”, procedente seica do latín “clunia”, non trata de substituír unha lingua por outra, ou sexa o castelán con “La” polo galego con “A”, o cal é falso, pois segue a ser Coruña nos dous casos. Levando este razoamento a outro nome con artigo, en portugués, Porto, galega e portuguesa a palabra pasaría ser Oporto mantendo o nome Porto. Por que se se tratara de oficializar “Oporto”, non se oficializaría O Puerto en castelán, en troques de facelo como sería obrigado: “El Puerto”?
Pero o tema dos topónimos, en xeral, é moito máis que reducilo a unha confrontación ante dúas linguas; oposición que non existe, xa que os topónimos veñen ser a nosa lingua galega posta por escrito; e non só referidos ás terras e os lugares senón que tamén aos apelidos das persoas. Non coido que ninguén pretenda opoñerlle, por exemplo, ao señor Negreira, un apelido castelanizado que podería ser o de “Negritud”.
A lingua galega, polo que hoxe está a xente en Santiago, para facela valer na súa totalidade, non se pode manter viva se a cada paso nos poñemos a alterar a toponimia e demais xeitos de mantela na nosa vida. E outra cousa é a fala da nosa xente, pois que os que fan e desfán as linguas son quen as falan non os demais. Eles poden falar con “gheada”, mais, por de agora, O Grove terá que ser como é, e non o “Jrove”, aínda que no falar por algures así o chamen. E mentres oficialmente non se substitúa o galego por outra lingua, calquera ataque a unha palabra do galego sexa ou non topónimo, está a cometer un claro “lingüicidio”; e non se pode consentir polo pobo galego que iso ocorra, tal coma hoxe se reclama na rúa.